Pedro Madruga
Obra teatral en verso escrita por Xoán Cuveiro Piñol. O drama, ligado á estratexia do xénero histórico-romántico, organízase nun acto único estruturado en seis breves escenas, pouco teatrais, e cun elevado número de personaxes. Fai referencia ás loitas dinásticas producidas con motivo da morte do Rei Enrique IV no último cuarto do s XV que enfrontaron a Isabel a Católica e Xoana a Beltranexa. O autor elaborou o texto a partir da Relación de Vasco da Ponte, recollida por Bieito Vicetto (1827). Cuveiro evoca o conde ao xeito romántico ou neorromántico: figura prestixiosa, caudillo do S de Galicia na Guerra de Sucesión de Enrique IV, señor fronteirizo galego-portugués que defende a causa da princesa Xoana e o seu prometido, o Rei Afonso V de Portugal.