Pellegrini, Silvio
Romanista. Estudou en Turín e foi lector de italiano en Heidelberg (1925-1939), onde profundou no estudo dos poetas galego-portugueses. Interesouse pola historia da literatura portuguesa, sobre todo pola figura de Luis Vaz de Camões, e pola lírica galego--portuguesa e foi un destacado dantista, sobre quen versou a súa tese. As súas investigacións foron fundamentais para a elaboración científica e para o desenvolvemento dos estudos de poesía ibérica medieval. En 1927 publicou Don Denis, unha selección de textos de don Denís con tradución italiana. Ao ano seguinte publicou a edición crítica de cincuenta composicións en Auswahl altportugiesischer Lieder e tamén neste ano realizou a edición diplomática de “I Lais portoghesi del codice vaticano”, en Archivum romanicum. Tamén é fundamental o seu Repertorio bibliografico, as edicións críticas de poesías afonsinas e Il canzoniere di D. Lopo Liáns (1964). Traduciu ao italiano Os Lusíadas (1934) e elaborou unha antoloxía da lírica de Camões (Liriche di Luís de Camões, 1941). En 1953 fundou a revista de literatura medieval portuguesa Studi Mediolatini e Volgari. Cómpre subliñar ademais o libro póstumo e ao coidado de Giovanna Marroni, Nuovo repertorio bibliogràfico della prima lirica galego-portoghese (1981).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Livorno -
Deceso
Lugar : Pisa