Pena Trevinca
Sistema montañoso con cotas de alta montaña e cunha altitude media de 1.373 m, que abrangue 24.894 ha e que está situado entre os concellos de O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Manzaneda, A Veiga e Viana do Bolo. Forma parte da rexión bioclimática mediterránea, onde se encontran os mellores ecosistemas subalpinos de Galicia. Unha das características principais son as abundantes pegadas do glaciarismo cuaternario e a presenza do Teixedal de Casaio. Culmina no pico do seu nome de 2.127 m, situado no límite dos concellos da Veiga e Carballeda de Valdeorras. A riqueza botánica deste espazo é moi grande, non só pola súa diversidade, senón tamén pola presenza de numerosos endemismos. Nas zonas altas pódense encontrar turbeiras de acedas e de esfagnos. De todas as formacións vexetais existentes destaca o bosque de teixos, un dos máis importantes de Europa e con algún dos exemplares máis antigos do mundo. Ten tamén unha fauna rica e variada, onde se dan a pica patinegra montesa, a aguia real, o bufo grande, o merlo rubio, o chasco cincento, a perdiz charrela, a azulenta papuda, o chasco rabipinto, a lagarta da serra e o lagarto das silvas. É un espazo natural protexido e forma parte da Rede Natura 2000.