Peníscola
Peníscola
Municipio da provincia de Castelló de la Plana, Comunitat Valenciana (4.822 h [2001]). Na agricultura de secaño domina o cultivo de amendoeiras, vide e cereais, e no de regadío de hortalizas e árbores froiteiras. A base da súa economía é o sector servizos, que ocupa case o 60% dos activos, co auxe do turismo nos últimos anos. Na fortaleza da cidade refuxiouse (1415) o antipapa Benedito XIII (Papa Luna), durante o Cisma de Occidente, despois da súa deposición no Concilio de Pisa (1409). Do seu patrimonio cultural destaca o conxunto histórico-artístico da cidade (BIC, 1972) e o castelo de Peníscola (s XIV; BIC, 1931).