percebe
(< lat tardíopollicipĕde)
-
s
m
[ANIMAL]
Crustáceo cirrípede, da orde dos torácicos, que pertence aos xéneros Lepas, Pollicipes e Scalpellum. Adhírese a un substrato variable mediante un pedúnculo carnoso en que hai unha rexión cefálica, mentres que o resto do corpo está protexido por unhas placas calcarias que forman a coiraza ou cuncha do crustáceo. En Galicia só están presentes as especies Pollicipes cornucopia e Lepas anatifera, pero só a primeira é comestible e obxecto dun comercio activo.
-
s
m
[ANIMAL]
Crustáceo cirrípede que se caracteriza anatomicamente por ter o corpo dividido en dúas partes: capítulo e pedúnculo (comestible). O primeiro está formado por cinco placas calcarias grandes e varias pequenas, e no seu interior está o tórax do animal, con seis apéndices birrámeos sedosos, que libera para filtrar o alimento planctónico da auga. No pedúnculo, recuberto de pel flexible, quitinizado e cuberto en parte con placas para soportar o impacto das ondas do mar, está parte da cabeza e os músculos de fixación; o grosor e lonxitude do pedúnculo depende de onde se desenvolva o individuo. Esta forma anatómica permitiulles colonizar a zona intermareal rochosa, os cantís, etc. Para poder fixarse ao substrato posúen unha glándula, que produce unha sustancia durante toda a súa vida e que lle permite reparar pequenos desprendimentos. Viven en colonias, e o período reprodutor é entre marzo e setembro; son animais hermafroditas, pero a fecundación é cruzada. As larvas son libres e, tras un período, fíxanse ao substrato e perden a capacidade de desprazamento. O seu bo crecemento depende da temperatura, salinidade, nutrientes e densidade da auga. É unha especie moi apreciada comercialmente e a súa extracción está regulada polas confrarías de mariscadores de Galicia, con vedas que se localizan entre os meses de maio e setembro; ademais, para ser comercializado deben superar os 4 cm de lonxitude. Están amplamente distribuídos polas costas do Atlántico Norte, mentres que os percebes máis apreciados do mundo están nas costas galegas (Costa da Morte, cabo Ortegal, Cariño, Cedeira, etc).
-
percebe da madeira
[ANIMAL]
Crustáceo cirrípede, de estrutura similar ao percebe, pero con capítulo de placas translúcidas e pedúnculo algo retráctil. É peláxico e dáse no Atlántico Norte, onde se fixa ás barcas e á madeira. Non é apto para o consumo.