Per’Eanes Marinho
Trobador galego. Fillo de Johan Rodrigues de Valadares e Teresa Anes Marinho, e activo a finais do s XIII segundo consta na documentación da chancelaría de Sancho IV, dubídase sobre o seu parentesco cos tamén trobadores Martin e Osoir’Anes Marinho. Puido ter certa relación con Johan Vasquiz de Talaveira e, en tempos de Afonso X, con Johan Airas. Incluso puido seguir activo no reinado de Fernando IV, a quen acompañaría na conquista de Alxeciras. Da súa obra consérvase unha cantiga de amor, “Boa ssenhor, o que me foy miscrar”, dirixida contra todos aqueles que pretenden dispoñer a señor contra o amado, e que se presenta como un contrafactum ou resposta a outra cantiga de amigo elaborada por Johan Airas. Ambas as dúas composicións repiten a fórmula silábica e o esquema estrófico e rítmico. No seu contido, onde se amosa innovador, como no emprego de ‘dizedor’, identificado con ‘intrigante’, presenta un léxico pouco utilizado noutras composicións de características semellantes.