Pérez Bellas, Agostiño
Arquitecto, debuxante e pintor. Estudou arquitectura en Madrid (1945-1954) e en 1955 abriu un estudo en Vigo. Como arquitecto realizou proxectos e reformas de locais comerciais, que se caracterizaron pola unificación dos accesos ás vivendas e aos locais, como a zapataría Chavalín na rúa do Príncipe (Vigo); vivendas unifamiliares, como as vivendas Valverde en Panxón (Nigrán), de cubertas planas; edificios de vivendas, como as Potti na estrada provincial de Vigo (1960), os apartamentos As Palomas en Baiona (1966) e o edificio Calypso en Vigo; e edificios non residenciais, como a Clínica Fátima, o Sanatorio Troncoso (1960), o Sanatorio Concheiro (1961), o acceso á fábrica Pontesa en Arcade (1960), o refuxio de Montañeiros Celtas no monte Domaio (1965) e o edificio social da cidade deportiva do Círculo Mercantil (1973). Como pintor deixou obras de carácter expresionista, que amosan unha dose de naturalidade e espontaneidade. Nas súas obras está presente a crítica social. Trátase dunha pintura narrativa que foxe da anécdota e na que prima a presenza do mar xa que é o escenario que envolve as figuras. Durante anos traballou só coa gama de negros, grises e brancos e, posteriormente, utilizou a gama de rosas, con algún vermellón, azul celeste ou verde. Destacan Xogadores (1967), Soledades (1970), Xente do circo (1971), Enlace (1973), El artista y la modelo (1978) e Enmantados (1980). Ademais ilustrou Confesiones de volatinera con bragas de repuesto al dorso (1978), de M. Ruibal Argibay.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Vigo -
Deceso