Pérez Galdós, Benito
Novelista, dramaturgo e articulista. Marchou a Madrid en 1862 para estudar dereito e alí coñeceu a Francisco Giner de los Ríos, que o introduciu no krausismo e con quen frecuentou diversos parladoiros literarios. Desde 1865 colaborou coa Revista del Movimiento Intelectual de Europa e con La Nación, onde realizou retratos literarios de moitas figuras célebres deses anos. En 1868 viaxou a París e coñeceu os grandes novelistas franceses da época. A súa primeira novela, La Fontana de Oro (1867), xa anunciaba o que serían os Episodios nacionales. As dúas primeiras series da obra foron publicadas entre xaneiro de 1873 e decembro de 1879, e tres series máis entre 1898 e 1912. O autor buscaba con esta obra facer a historia novelada de gran parte do s XIX, desde 1805, data da derrota da Batalla de Trafalgar, ata 1875, coa restauración da monarquía borbónica. Durante eses anos tamén participou en política (1886-1890) como deputado no Congreso polo partido de Sagasta. Representante do realismo literario, como gran observador describe á perfección os ambientes e as situacións en que se moven os seus personaxes, que caracteriza e clasifica individualmente pola súa linguaxe, e que acompaña de novas técnicas narrativas como o monólogo interior, o estilo indirecto ou o personaxe narrador. Anticlerical e confiado no progreso, unha das partes máis interesantes da obra de Pérez Galdós é o conxunto de novelas iniciado con La familia de León Roch (1878) e integrado por La desheredara (1881), El amigo Manso (1882), El doctor Centeno (1883), Tormento (1884), La de Brigas (1884), Lo prohibido (1885), Fortunata y Jacinta (1886 e 1887), en que se retrata o Madrid da época, Miau (1888), La incógnita (1888), Realidad (1889) e Misericordia (1897). Tamén escribiu Doña Perfecta (1876), Gloria (1877), Marianela (1878), Ángel Guerra (1890), Tristana (1892), Nazarín (1895) e Halma (1895). Tratou o teatro en Electra (1901), adaptou á escena algunhas das súas novelas e reformou o teatro nacional. Nos derradeiros anos de vida regresou á política, primeiro como deputado republicano (1907) e posteriormente con Paulo Iglesias. Foi membro da Real Academia Española (1897).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Las Palmas de Gran Canaria -
Deceso
Lugar : Madrid