Pérez González, Roxelio
Mestre. Coñecido como Roxerius, en 1920 rematou os estudos de maxisterio en Santiago de Compostela. Nestes anos frecuentou o centro republicano e as Irmandades da Fala. En 1919 asistiu, con Antón Villar Ponte, Fray Salvador, Sánchez Andrade e Pita Romero, á Xuntanza Escolar Nazonalista, celebrada en Santiago. Nesta Xuntanza decidiuse pedirlle ao goberno a creación dunha cátedra de literatura e lingua galega e a autonomía integral para Galicia. Durante a Segunda República apoiou activamente a campaña a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia e, en decembro de 1931, participou na fundación do Partido Galeguista. A partir deste momento, intensificou as súas colaboracións xornalísticas diversificando a súa temática: cartas dirixidas aos mestres, análise da situación económica do maxisterio, a educación de adultos, a asistencia escolar, a pedagoxía e o bilingüismo, a situación das escolas técnicas e a crítica á escola tradicional. Despois de superar por libre os cursos da Escuela Superior de Maxisterio de Madrid, en 1932 gañou a praza de inspector de ensino primario e foi destinado a Pontevedra. Desde este posto intentou aplicar a política educativa da Segunda República adecuándoa ao contexto galego. Traballou pola galeguización do ensino, pola realización de conferencias e actos culturais na Galicia rural e pola creación de bibliotecas escolares (entre 1931 e 1933 creáronse en Pontevedra 115 bibliotecas escolares). Sempre tendo como base a galeguización do ensino, prestou unha atención constante á nova escola rural galega, ás escolas agrarias e á práctica dunha pedagoxía activa. Propugnaba unha escola activa en que o neno tiña que ser o centro de toda a actividade pedagóxica e tiña que ser estimulado en base aos seus propios intereses. Entre 1933 e 1936 ademais de participar na política nacionalista que xurdía arredor das figuras de Castelao e Bóveda (en 1934 foi elixido vicepresidente da xunta directiva do PG de Pontevedra), Roxerius viviu a etapa de maior proxección pública como educador: secretario da Casa do Mestre de Pontevedra e colaborador habitual do seu órgano de expresión, Escuela Vivida, director (1934) do padroado de Misións Pedagóxicas e coordinador da Página Pedagógica de El Pueblo Gallego. O seu labor educativo quedou reflectido nos artigos, moitos deles escritos en galego, publicados en El Pueblo Gallego (1926-1935), Galicia (1924) e La Voz de Galicia (1922). O 12 de setembro de 1936 foi apartado do seu cargo de inspector e ata os anos corenta non foi readmitido. Colaborou co exilio americano en revistas como Lar e, a partir de 1946, en La Noche na páxina semanal de Plumas y Letras Gallegas. Publicou algúns poemas en galego e castelán e foi un grande entusiasta e divulgador da obra de Manuel Antonio Pérez.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Rianxo -
Deceso