Pérez Placer, Heraclio

Pérez Placer, Heraclio

Escritor e editor. Licenciouse en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela e exerceu en Ourense. Encadrado polos críticos dentro da xeración rexionalista, foi un dos primeiros escritores deste grupo que apostou pola prosa. Colaborou inicialmente en O Tío Marcos da Portela e publicou nel poesía e prosa, centrada sobre todo en cuestións literarias ou relacionadas coa agricultura. Despois do seu enfrontamento con Valentín Lamas Carvajal pasou a colaborar en El Derecho e fundou e dirixiu El Diario de Orense e Las Burgas. Como editor elaborou a Biblioteca Verde y Rosa, en que apareceron algunhas das súas obras e outras de Francisco Álvarez de Nóvoa. Na súa obra narrativa pretendía introducir novos elementos estéticos e formais, sobre todo no conto, onde realizou unha importante análise psicolóxica dos personaxes, tentando adaptalos á lingua coloquial. Por outra banda cómpre salientar o impresionismo dos seus relatos, o colorido e as descricións da paisaxe, xunto coa abundante adxectivación e elementos sensoriais. Nun intento por romper, cando menos formalmente, coa liña do conto tradicional e popular, introduciu aspectos semellantes ao monólogo interior, a narración sobre o diálogo sen respostas do interlocutor e o emprego de diferentes finais, ás veces cun desenlace aberto ou inesperado. Ideoloxicamente militou no progresismo republicano. Da súa produción poética destacan Cantares (1897, accésit no Certame Literario de Ourense), O fillos dos tronos; Bodas de morte (1888), en que inclúe versos satíricos de forte erotismo; e A vendima. Costumes vellas (1895). En prosa escribiu a novela Predición (1887, accésit no Certame Literario de Betanzos) e diversas coleccións de contos, como Contos, leendas e tradiciós (1891) e Contos da terriña (1895), ademais da zarzuela Morir amando: zarzuela en dos actos y seis cuadros (1890), e as comedias nun acto Lo inmoral de la moral; Espíritu y carne (1907) e Diálogos femeniles (1912). Foi académico correspondente da Real Academia Galega.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Ourense

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela