Pérez Sánchez, Manuel Antonio
Poeta. Coñecido como Manuel Antonio, foi o máximo representante do movemento vangardista en Galicia, xa que soubo conxugar o espírito das diferentes correntes vangardistas europeas e hispanoamericanas co pensamento da sociedade galega da época. Aos catro anos, por mor da tuberculose e da morte de seu pai, trasladouse a Padrón, á casa da súa avoa e dun dos seus tíos, sochantre na colexiata de Iria Flavia, onde recibiu unha formación fundamentalmente católica, que deu paso a unha incipiente xermanofilia e o interese polo carlismo. Malia que a intención da familia era que continuase a súa formación católica, aos trece anos decidiu marchar a Santiago de Compostela, onde principiou os seus estudos de bacharel. Foi aquí onde comezou o seu compromiso co galeguismo e o republicanismo, particularmente tras o seu ingreso no Centro Republicano de Santiago. Por eses anos mantivo correspondencia co seu curmán Roxelio, quen máis o animou a escribir, e con outros políticos e intelectuais galeguistas da época, como Rafael Dieste. Tras un intento fracasado por alistarse no exército francés para combater durante a Primeira Guerra Mundial, e despois de diversos intentos por formar parte da guerrilla de Sandino en Nicaragua e de participar na Revolución Rusa de outubro de 1917, dous anos despois ingresou en Vigo na Escola de Náutica. Nesa época comezaron as súas colaboracións na prensa da época, como A Nosa Terra, Galicia, La Redención, Ronsel ou Suevia, e apareceu “O sol da libertade”, o seu primeiro poema editado, que é apenas a única composición de carácter social do autor. Na cidade olívica afiliouse á Xuventude Nazonalista Galega (1920) e escribiu, xunto a Xavier Soto, o texto “Terra ceibe! Os bos galegos”, dirixido contra o concello de Vigo. Asistiu ás II, III e IV xornadas da Asamblea Nazonalista Galega, celebradas en Santiago de Compostela (1919), Vigo (1921) e Monforte de Lemos (1922), respectivamente. Nestas xuntanzas relacionouse cos intelectuais e políticos galeguistas da época, como Vicente Risco, quen lle ofreceu información puntual dos movementos vangardistas que ían aparecendo en España e Europa, ademais de Castelao, Victoriano Taibo ou A. Villar Ponte, cos que mantivo sobre todo relación epistolar. Foi V. Risco quen lle amosou a importancia pola visión da natureza, a preocupación polo retrato do momento puntual e pola poesía xaponesa dos haiku, en que se tratan cuestións esenciais do ser humano. Ademais, na súa relación epistolar, o autor ourensán informouno sobre as innovacións poéticas que tiñan lugar na literatura mundial, a relación entre creacionismo e cubismo plástico, e outras características que empregou Manuel Antonio na súa obra. Formouse artística e ideoloxicamente a través da correspondencia con diversos pensadores e escritores, e con publicacións galegas e de todo o mundo. Grazas a isto púxose ao corrente de todo o que acontecía xa que non estaba inmerso nos círculos literarios. Na súa biblioteca particular podíanse localizar escritores franceses como Guillaume Apollinaire, Max Jacob ou Pierre Reverdy, e autores hispanos como Gerardo Diego, Vicente Huidobro ou Guillermo de la Torre, ademais de publicacións periódicas como as francesas Manomètre e Prisma, ou a madrileña Reflector. Con todo, non foi o único representante e impulsor das correntes vangardistas en Galicia pois, aos nomes de Manuel Antonio e Vicente Risco, cómpre engadir os de Uxío Montes, Evaristo Correa Calderón, Xavier Bóveda ou Emilio Mosteiro que, cando menos en parte da súa obra e da súa actividade editora, contribuíron ao triunfo parcial destas correntes en terras galegas. Participou no consello de redacción de Ronsel xunto a Álvaro Cebreiro, con quen publicou o texto provocador e rupturista Máis Alá! (1922), o único manifesto vangardista da literatura galega, e onde se realizaba unha denodada defensa sobre a lingua e o nacionalismo, que non conseguiu que callara nos autores da época, en xeral moi conservadores e que o consideraron un discurso que intentaba romper as liñas continuístas do grupo Nós, o ruralismo da literatura galega e todo o que estaba a suceder naquel momento no ámbito literario. Despois de rematar a súa formación náutica (1923) comezou os seus estudos de filosofía e letras na Universidade de Santiago de Compostela. En 1924 foi o representante en Rianxo da Irmandade Nazonalista Galega. Entre os anos 1926 e 1927 tivo lugar un dos acontecementos máis decisivos na obra final do poeta, as súas prácticas como piloto no paquebote Constantino Candieira, capitaneado por Augusto Lustres Rivas, onde concibiu o seu libro de poemas De catro a catro (1928), editado por Nós na Coruña. Nos anos seguintes realizou unha viaxe a América do Sur co barco holandés Gelria, na que posiblemente concibiu o libro de poemas Sempre... e mais dispois. En 1929 embarcou rumbo a África do Sur co barco vigués Arosa, ata que finalmente, enfermo de tuberculose, decidiu regresar á casa. Coa súa obra pretendeu buscar a depuración da lingua e conseguir un rexistro literario culto, tentando que a lingua galega non estivese marxinada da estética que imperaba en Europa naqueles anos e que os autores galegos non caesen no enxebrismo como forma de recuperación da súa lingua. Partidario do monolingüismo, estivo á marxe da moda dos escritores que, como Ramón Cabanillas, procuraban no contido os elementos fundamentais da súa creación literaria. Considerado na súa época como un autor ultraísta e creacionista -principalmente seguidor da obra do poeta chileno Vicente Huidobro-, e malia que sempre fuxiu desas etiquetas literarias polo seu excesivo individualismo, na obra de Manuel Antonio advírtense moitos trazos en común con diversas tendencias vangardistas, mesturadas con elementos da idiosincrasia de Galicia e das súas tradicións. Algúns deses aspectos pódense observar xa en parte da obra de Uxío Montes, que dalgún xeito se considera precursor do autor rianxeiro. A alusión a elementos da paisaxe é unha das características esenciais da súa obra, e malia que predominan as referencias marítimas, non é só o mar o protagonista das súas composicións. Próximo ao creacionismo, os elementos do espazo inflúen e participan do eu poético, acompañados do tempo, e nunha concepción multidimensional de todo o que acontece no exterior e no interior do poeta, a quen se lle pode cualificar como pequeno deus, que elabora o seu propio mundo obxectivo. Innovador do léxico poético, os elementos da música, os obxectos cotiáns e as máquinas son frecuentes na obra deste autor vangardista. Por outra banda, recoñeceu Manuel Antonio o seu rexeitamento polo modernismo e as tendencias románticas, no seu intento por romper co que se viña facendo ata aquel momento. En canto á estrutura dos poemas, son moi significativos os espazos en branco, a disposición e a diferente medida dos versos, as repeticións ou as formas en debuxo como caligramas. No apartado lingüístico, o rexistro que emprega o autor rianxeiro nas súas composicións pode considerarse como culto; tratou, pois, de evitar os dialectalismos e vulgarismos, e o uso dalgúns castelanismos moi frecuentes na fala, ao mesmo tempo que empregaba terminoloxía técnica e moderna, así como a utilización de hiperenxebrismos. Manuel Antonio procurou diferenciar a lingua galega doutras, como o portugués e o castelán, no proceso que se estaba a vivir naquela época de consolidación do galego nos eidos literario, científico e político. En canto á súa obra, en vida só publicou De catro a catro (1928), subtitulado Follas sen data d’un diario d’abordo, que representa o cumio da súa persoal voz poética e onde se reproduce a viaxe por mar do eu poético, co que se descobre un proceso de coñecemento existencial. Tamén escribiu, aínda que non se publicaron ata 1972, Con anacos do meu interior (1920-1922), en que introduce elementos modernistas e tradicionais nun avance cara ao vangardismo; Foulas (1922-1925), que avanza na liña popular e onde inclúe “Excelsior” e “Poemas do Faro. II”, dúas composicións experimentais caligramáticas de enorme orixinalidade, que rompen a orde normal da lectura e o verso e que suxiren determinadas formas ao lector; Sempre... e mais dispois (1923) e Viladomar (1928), composto por seis poemas e que parece non estar rematado; nestas composicións, o punto de vista do poeta trasládase a terra, malia que a temática mariñeira dos poemas é evidente nunha liña próxima a De catro a catro. En todos estes libros incluíronse composicións que xa apareceran en diversas publicacións periódicas. O descubrimento doutras composicións e as edicións posteriores (1972) das súas obras impulsaron o coñecemento e a valoración da súa obra. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas (1979).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Rianxo -
Deceso
Lugar : Asados, Rianxo