Pérez Villaamil Duguet, Xenaro
Pintor. Estudou no colexio militar de Santiago de Compostela e interveu activamente en Andalucía nas campañas favorables ao goberno liberal durante a invasión absolutista dos Cen Mil Fillos de San Luís (1823). Desde Cádiz iniciou o seu labor pictórico cunha primeira etapa prerromántica (1823-1833), inspirada na pintura flamenga do s XVII e na francesa de finais do s XVIII. De 1830 a 1833 viaxou a San Juan de Puerto Rico para realizar a decoración do Teatro Tapia. Tras o seu regreso a Sevilla iniciou con Vista de la Giralda de Sevilla desde la calle de la Borceguinería (1833) unha segunda etapa pictórica (1833-1854), en que se centrou cada vez máis na pintura paisaxística de carácter romántico e trazos costumistas (La plaza partida), influído polo pintor escocés David Roberts. Empregou unha técnica empastada, de trazo nervioso, colorido cálido e brillante e atmosferas vaporosas que o aproximaron á pintura de Turner (Las lavanderas del Manzanares, 1838). En 1835 realizou a ilustración de Panorama Matritense de Ramón de Mesonero Romanos, ao tempo que era nomeado Académico de Mérito da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Participou na fundación do Liceo Artístico e Literario Español, para o que realizou a decoración do teatro, e foi colaborador do Semanario Pintoresco Español. A temática da súa obra limitouse ás paisaxes, aos exteriores arquitectónicos monumentais (Vista de la fachada principal de la catedral de Toledo) e aos interiores de edificios (Pórtico de la Gloria de la catedral de Santiago, 1849-1851). Nomeado pintor honorario de Cámara, entre 1840 e 1844 viaxou por Europa e adquiriu gran prestixio pintando para a realeza e participando nos salóns parisienses. Durante as súas estancias en París, encargouse da edición dunha serie de litografías que titulou España Artística y Monumental (1842-1844). Influenciado polo pintura de animais de Robbe, pintou Paisaje con ganado (1847). Opostas á súa tendencia romántica, foron as obras Inauguración del ferrocarril de Langreo por la Reina Gobernadora. Entrada del tren en Gijón ou Estallido. Foi tamén un gran debuxante e acuarelista, de trazo rápido e nervioso; destacan Sepulcro de Jorge d’Amboise, en la catedral de Rouen ou Mercado. Introduciu en España as temáticas orientalistas, reproducidas en cadros como Paisaje oriental con ruínas clásicas, Una caravana en el desierto ou Sevilla en tiempo de los árabes.Tras a caída de Espartero (1844) regresou a España, onde recibiu de Isabel II o nomeamento de cabaleiro da Orde de Carlos III e a Legión de Honor. En 1845 foi nomeado pola raíña tenente director e catedrático da Paisaxe da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ferrol -
Deceso
Lugar : Madrid