perforación

perforación

(< perforar)

  1. s f

    Acción e efecto de perforar.

  2. s f [PAT]

    Abertura ou orificio accidental nun órgano ou nunha parte do corpo, producida por un traumatismo externo ou unha lesión interna.

  3. s f
    1. Acción de abrir pozos e galerías ou de facer barrenos para as voaduras.

    2. [XEOL]

      Acción de abrir pozos petrolíferos. As técnicas que permiten abrir e explotar un pozo petrolífero varían en función do lugar onde se perfore; así distínguese entre perforación terrestre se se realiza en terra, e perforación mariña se se realiza no mar. Polo que respecta á terrestre, cómpre sinalar diversos métodos: a que se realiza con sonda de percusión, que se utiliza en pozos de pouca profundidade e que consiste en desagregar a rocha deixándolle caer enriba, con ritmo repetitivo, un cicel bastante pesado; posteriormente, os restos recóllense cunha especie de culler. A perforación con sonda rotativa emprégase en pozos profundos e baséase no movemento de rotación dun perforador que se transmite polo talo de perforación; os restos extráense polo seu interior, arrastrados pola lama inxectada no pozo a través de bombas situadas na superficie. A perforación con aire é unha modificación do anterior sistema, xa que consiste en usar aire en lugar de lama. Na mariña, pódense diferenciar entre plataformas de perforación e vasos de perforación. Nas plataformas de perforación distínguense catro tipos principais: as plataformas fixas de perforación e almacenaxe que se utilizan en traballos de pouca profundidade; as plataformas somerxidas empregadas en perforacións que non superen os 100 m de profundidade; as plataformas condeep que se usa ata 100 m de profundidade; e as plataformas semisomerxidas que se empregan ata os 300 m de profundidade. Polo que respecta aos vasos de perforación, a súa utilización viuse incrementada a medida que se melloraron os dispositivos de estabilización dinámica da posición. Estes dispositivos empréganse tamén nalgunhas plataformas semisomerxidas, en ambos os dous casos, o sistema permite facer perforacións a profundidades superiores a 1.000 m.

  4. s f [IMAX]
    1. Cada un dos furados aliñados paralelamente nos bordos dunha película, practicados co fin de facela progresar mediante o mecanismo de avance da cámara fotográfica ou cinematográfica, ou do proxector.

    2. Conxunto de perforacións dunha película.

  5. s f [GRÁF]

    Operación de producir, nunha tarxeta ou nunha cinta estandarizadas, furados en lugares determinados, correspondentes aos datos de entrada ou aos resultados de saída dun ordenador.

Palabras veciñas

perfoliado -da | perforábel | perforable | perforación | perforador -ra | perforadora | perforante