Pergamiño Sharrer
Folio fragmentario, escrito por ambas caras, que contén sete cantigas de amor musicadas de don Denís. Datado aproximadamente en 1300, foi descuberto polo profesor Harvey L. Sharrer (1990) na Torre do Tombo, en Lisboa. Con diversas lagoas na parte musical e poética, é o único documento localizado de data medieval da obra do rei portugués. Puido realizarse no scriptorium de don Denís, quizais correspondente co perdido Livro das trovas de el-Rei D. Dinis, e caracterízase, ademais de pola súa distribución en tres columnas -rara en época medieval-, pola uniformidade na separación das liñas e polos versos dispostos en liña e separados por unha raia vermella, escritos polo menos por dúas mans diferentes en tipos de letra distintos. Os fragmentos das cantigas aparecen na mesma disposición ca nos cancioneiros da Vaticana e da Biblioteca Nacional.