Pero da Ponte

Pero da Ponte

Segrel, probablemente galego. Escudeiro de profesión, puido ter familia compostelá ou algunha relación con Santiago de Compostela. Activo nas cortes de Fernando III e Afonso X entre 1235 e 1275, e quizais tamén na de Xaime I de Aragón, probablemente frecuentou as cortes señoriais de Lopo Diaz de Haro e Telo Afonso de Meneses. Participou no ciclo contra Maria Perez a Balteira. Consérvanse 53 composicións, localizadas nos tres principais cancioneiros, que amosan a súa preferencia polo xénero de maldicir e que o converten nun dos máis prolíficos do conxunto de autores da lírica galego-portuguesa. A súa produción divídese en sete cantigas de amor, en que destaca a súa técnica e o gusto cultista, como en “Senhor do corpo delgado”, ou “Agora me part’eu mui sen meu grado”, unha cantiga que parodia o amor e que introduce un elemento sorpresa; e “Poys de mha morte gran sabor avedes”, cargada de ironía e onde o poeta desexa que a amada morra de amor antes ca el. Neste xénero o autor evidencia o seu coñecemento da lírica provenzal, porque nas composicións desenvolve o tema da coita de amor de forma retórica e emprega algúns termos descoñecidos no corpus léxico tradicional. As sete composicións de amigo que se conservan forman unha pequena unidade e introducen o diálogo de nai e filla en “Ay, madr’o que me namorou”, a ausencia do amigo en “Vistes madr’o escudeyro”, e o temor a perder o namorado en “Vistes madr’o que dizia”. No seus catro prantos, tentou achegarse ao modelo occitano como en “Nostro Senhor Deus! Que prol vus ten ora”, dedicada á Raíña Beatriz, esposa de Fernando III, “Ora ja non poss’eu creer”, para Lopo Diaz de Haro; “Que ben sse soub’acompanhar”, para o Rei Fernando III, e “Que mal s’este mundo guysou”, para Telo Afonso de Meneses. Tamén escribiu dous eloxios, como “O muy bon Rey, que conquis a fronteyra”, sobre a toma de Sevilla, o partimen “Don Garcia Martijz, saber”, en que se parodian algúns problemas derivados do amor cortés, a tenzón “Ora ja non poss’ eu creer” con Afons’ Eanes do Coton, e 31 cantigas satíricas, onde inclúe o pranto burlesco “Mort’é Don Martin Marcos, ai Deus, se é verdade?”, numerosas composicións de escarnio e maldicir, tres sátiras literarias dirixidas ao trobador Sueiro Eanes, e catro sirventeses morais, en que aparecen reflectidos os personaxes da sociedade da época. Deulle preferencia á cantiga de maldicir e nela destacan os recursos caricaturescos, o humor e o sarcasmo, o léxico obsceno e dous motivos esenciais: o sexo e a avaricia, especialmente ao comer.