Perozo Ruiz, Xosé Antonio

Perozo Ruiz, Xosé Antonio

Escritor e xornalista. Logo de dedicarse ao mundo do teatro como actor e director, traballou en diversos medios de comunicación galegos, onde foi un dos pioneiros á hora de introducir a lingua galega na información. Subdirector de Faro de Vigo, articulista e crítico teatral, dirixiu a Área de Cultura da TVG e presentou diversos programas nocturnos da Radio Autonómica Galega. Deseñador e director de Compostela 93, do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e de Compostela Cidade Europea da Cultura 2000, foi director literario de Ir Indo Edicións e director da Enciclopedia Galega Universal ata o tomo IX (1998-2002). Colaborador de Radiovoz e La Voz de Galicia, é un autor especialmente imaxinativo á hora de construír relatos para os máis pequenos, a súa obra está dotada dun estilo áxil, dinámico e moi creativo. Escribiu a biografía Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas (1981) e o ensaio político Quen é quen no primeiro Parlamento Galego (1981), ambos os dous en colaboración con María X. Porteiro, e publicou diversas obras de teatro, como Tal vez, Francisco de Zurbarán (1998); conto e novela infantil e xuvenil, como Os ladróns de tixolas (1985), O senso do narís (1987), A incrible historia de Claudina (1990), O enigma de Embívicus (1991), Don ogro de papel (1993), Gato e rato unha tarde de teatro (1994), Contos máxicos (1995), Aquellos días malditos (1997), Papá Ogro (1999) e Vanesa non quere ser princesa (2004); e novelas para adultos, como La furia del carnero (1994), Coral de lirios morenos (1994), Martázul (Premio Blanco Amor 2001), editada tamén en castelán, Caderno de Riparia (Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia 2003), Rosas para Gabriela (2003) e o libro de relatos Segunda convocatoria (2004).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Llerena