persa
(< topónimo Persia)
-
adx
Relativo ou pertencente a Persia ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Persia.
-
s
m
[LING]
Lingua indoirania do phylum indoeuropeo, falada na antiga Persia, en Irán e en gran parte de Afganistán. Distínguense tres fases históricas. O persa antigo, que xunto co avéstico representa a fase antiga do iranio, está documentado nas inscricións cuneiformes dos aqueménidas dos ss VII-IV a C. O persa medio foi a lingua principal literaria, relixiosa e oficial dos sasánidas de 226 a 651 e está documentado en numerosos manuscritos mazdeístas e maniqueos. Durante certo tempo o persa medio estivo en rivalidade co parto: as inscricións dos inicios da época sasánida admiten, a maioría, as versións en persa medio, parto e grego. A escritura, derivada do arameo, é arcaizante, e, xunto coa lingua, denomínase a miúdo pahlavi; tamén se aplica este nome ao conxunto de textos do persa medio e o parto. O persa moderno ou fārsī, lingua oficial de Irán e de Afganistán xunto co pashto, tamén é oficial en Taxikistán na forma denominada taxiko. Escríbese en caracteres árabes.
-
arte persa
[ARTE]
Arte desenvolvida en Persia. As primeiras manifestacións antigas son os vasos de cerámica carbonífera de Elburz, Susa ou Sialk, e os bronces de Luristán (1500 a C). A arte persa propiamente dita comezou con Ciro II de Persia (559 a C) e prolongouse ata a chegada dos musulmáns (651). En época aqueménida construíronse palacios levantados sobre socalcos aos que se accedía por unha escalinata e estaban formados por divesos corpos unidos por patios. Destacan os de Pasagarda, Susa e Persépolis. A decoración realizábase con relevos de modelaxe suave e formas redondeadas. Durante o dominio grego imitáronse as formas helenísticas. O período sasánida supuxo un renacemento da arquitectura co emprego das bóvedas e as cúpulas construídas en ladrillo e coa integración das distintas dependencias dos palacios nun mesmo edificio. Coa invasión árabe comezou un período de influencia artística que chegou ata 1926. Nun primeiro momento os únicos centros artísticos foron as tumbas e as mesquitas, nelas hai distinción entre as árabes primitivas e os monumentos iranianos adaptados á arte invasora. En época selxúcida fusionouse o antigo estilo iraniano e o musulmán e apareceu a mesquita iraniana, cun gran patio central e catro līwān. A expansión moderna de Irán comezou a finais do s XIX, pero o florecemento artístico non se produciu ata o segundo cuarto do s XX, cunha forte inxerencia da arquitectura estadounidense, aínda que perdurou a utilización das cúpulas e columnas nos grandes edificios públicos, como o Senado de Teherán.
-
literatura persa
[LIT]
Literatura cultivada en lingua persa en diversos períodos da súa historia. Constitúe unha das literaturas clásicas máis importantes. Algunhas inscricións cuneiformes da época dos aqueménidas (s VIII a C) son o único testemuño do antigo persa. Máis tarde (s III), reuníronse os diversos libros do Avesta, relacionado co zoroastrismo, e os diversos himnos, identificados co Gāthā. Na mesma época comezou a cultivarse a literatura pahlavi, escrita en persa medio. É igualmente relixiosa a literatura maniquea do s III, escrita en pahlavi, parto e sogdiano. A raíz da conquista árabe (651) a nova literatura persa superou á que fora a súa inspiradora, como é o caso dos poetas da corte dos samánidas, dos gaznévidas e dalgúns grandes líricos posteriores. Polo que respecta á prosa, rimada ou non, destacan o relato das viaxes de Nāṣir-i Khusraw, morto en 1088; o Siyāsat-Nāma (Tratado de educación de príncipes) do visir Niẓām al-Mulk, morto en 1095; os catro tratados do Chahār maqāla, do médico e astrólogo Niẓāmī ‘Arūdī, morto en 1174; a colección biográfica de poetas de Muhamad ‘Awfī, morto cara a 1232; as obras científicas de Nāṣir al-Dīn Ṭūsī, morto en 1274; e as históricas de ‘Aṭā Malik Juwaynī, morto en 1283; e de Rashīd al-Dīn Faḋl Allāh, morto en 1318, autor dunha historia do mundo, continuada despois por Fakhrī Banākītī, morto en 1317. Cómpre mencionar tamén as grandes obras da narrativa poética que constituíron os tópicos da literatura amorosa, como o Yūsuf-u Zulaykha, a historia dos amores de Cosroes II coa princesa armenia Sirīn e a dos de Layla e Maǧnun, de Niẓāmī, morto en 1141, ou a dos de Jamshīd e Hurshīd de Salmān, morto cara a 1376. A partir do s XVI desenvolveuse unha literatura máis intelectual e investigadora. Algúns poetas como Muhtashan ou Ṣā’ib amosan aínda orixinalidade. Non iniciou un renacemento poético ata principios do s XX.
-
música persa
[MÚS]
Arte musical cultivada polos persas. Estes só distinguían 18 graos dos 24 da escala árabe e dividían os tons menores en dúas partes e os maiores en catro partes de ton. Os instrumentos musicais persas eran de corda, como o tar, o setar e o sentur; de vento, o nay e de percusión, o tombak. Dos teóricos persas máis destacados cómpre salientar Avicena, no s XI, e Ṣafī-al-Dīn, no s XIII.