persecución
(< persecutĭōne)
-
s
f
Acción de perseguir.
Sinónimos: perseguimento. -
s
f
[RELIX]
Conxunto de actos violentos exercidos contra os cristiáns en tempos do Imperio Romano. Suetonio lembra unha primeira persecución, arredor do ano 50, cando Claudio I expulsou os xudeus de Roma, porque alborotaban en nome dun tal Chrestus. Pero foi a partir do incendio de Roma cando Nerón comezou a persecución (64). A mesma actitude foi adoptada polos emperadores Domiciano (94), Traxano (111), Antonino Pío (138-161) e Marco Aurelio (161-180). Ata este momento as persecucións eran parciais e afectaron, excepto a de Traxano, preferentemente á área romana. Séptimo Severo (202-211) decretou a persecución contra os catecúmenos, e Máximo Tracio (235-238) contra os cregos e dirixentes das comunidades. Con Decio (249-251) a persecución estendeuse a todo o imperio, como reacción ao favor dispensado aos cristiáns por Filipe o Árabe, e ante a organización da Igrexa. O mesmo camiño seguiu Valeriano (257-258) e sobre todo Diocleciano (303), decretando a máis universal e cruenta de todas as persecucións. As penas a que podían ser condenados eran a multa, o exilio con confiscación de bens, o traballo nas minas e a pena capital. O Edito de Tolerancia (311), decretado por Galerio, Constantino e Licinio, puxo fin ás persecucións e, co Edito de Milán (313) de Constantino e Licinio, a Igrexa viviu con liberdade relixiosa.
Sinónimos: perseguimento.