persiana

persiana

(< fr persienne)

s f [CONSTR]

Conxunto de listóns ou tiras, de madeira, metálicos ou doutros materiais, que se colocan no exterior dunha fiestra ou dunha porta, a xeito dunha contra ou dunha cortina, para que, principalmente, impidan ou regulen a entrada de luz. Diferéncianse diversos tipos segundo a estrutura ou o funcionamento. Así, a persiana de libro está formada por unha serie de listóns planos paralelos, xeralmente inclinables, enmarcados por unha armazón ou fixados a dúas ou máis columnas que se coloca como unha contra. As persianas enrolables están constituídas por unha serie de listóns horizontais, unidos entre eles de xeito articulado, de modo que ao tirar dunha corda ou cinta envólvense subindo todo o conxunto. A veneciana ten as partes unidas entre elas con cadenetas, fíos, cintas, etc, de xeito que ao tirar do cordón correspondente oriéntanse, inclinándose cara ao interior ou cara ao exterior, ou alíñanse unhas sobre as outras ou na parte superior do lugar onde está instalada.