Perú
icerreinado establecido pola Coroa de Castela en 1542 sobre os seus territorios en América. Inicialmente comprendía Nueva Castilla (Perú), Tierra Firme (Panamá e costa N de Colombia), Nueva Granada (Colombia), Quito (Ecuador), Charcas (Bolivia e Río de La Plata) e Chile. O primeiro vicerrei foi Blasco Núñez de Vela, que tivo que recuperar a autoridade real. Francisco de Toledo (1569-1581) organizou a administración do vicerreinado que se converteu no máis importante de América Latina grazas á súa produción de prata. A capital, Lima, erixiuse no centro cultural e eclesiástico máis notable de toda América do Sur, aínda que a partir de comezos do s XVIII iniciou a súa decadencia. A creación dos vicerreinados de Nova Granada (1739) e Río de La Plata (1776), reduciu o vicerreinado do Perú aos territorios de Perú, Bolivia, Chile e Ecuador, e desapareceu en 1824 despois da Batalla de Ayacucho.