peruano -na
(< topónimo Perú)
-
adx
Relativo ou pertencente a Perú ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Perú.
-
arte peruana
[ARTE]
Arte desenvolvida en Perú. Durante a época colonial, as artes recibiron a influencia hispánica, aínda que con achegas indíxenas. En canto á arquitectura atópase un eclecticismo que responde ás diferentes influencias cronolóxicas, como a igrexa do convento de Santo Domingo de Lima, de estilo mudéxar, ou a catedral de Cuzco, renacentista. A finais do s XVII triunfou plenamente o estilo barroco na igrexa da Compañía de Arequipa, na catedral, reconstruída, de Lima, e en diversas igrexas da capital, Trujillo e Cuzco. Coa independencia, a principios do s XIX implantouse o neoclasicismo, como no palacio do Senado de Lima. Co s XX deuse paso a unha arquitectura de acordo coas novas tendencias. A pintura recibiu novos impulsos con I. Merino, L. Montero e F. Laso, e con J. Sabogal, T. Carvallo, R. Grau e F. Szyrlo.
-
literatura peruana
[LIT]
Literatura en lingua castelá cultivada en Perú. A primeira gran figura foi o cronista de Indias de orixe inca, Garcilaso de la Vega, que nos seus Comentarios reales narra a historia do Imperio Inca. A partir de 1599 e durante todo o s XVII, o teatro tivo unha grande importancia con figuras como Pedro de Peralta Barnuevo. No s XIX sobresaen a obra filosófica e novelística de Pablo de Olavide e a achega intelectual dos escritores agrupados ao redor do xornal Mercurio Peruano. A prosa, esencialmente narrativa, iniciouse a partir do movemento romántico e baixo o signo do costumismo e do realismo con Ricardo Palma como máximo representante deste período. A derrota ante Chile na guerra do Pacífico imprimiu un cambio decisivo na sociedade peruana e na súa literatura. Manuel González Prada ergueuse como a nova conciencia dun país en crise. Baixo a súa influencia apareceu a novela realista con autoras como Mercedes Cabello de Carbonera e Clorinda Matto de Turner. Dentro do modernismo cómpre citar a José Santos Chocano, e no posmodernismo a José María Eguren e a prosa de Abraham Valdelomar. A literatura peruana expresouse tamén seguindo outras tendencias estéticas e ideolóxicas radicais onde tiveron cabida autores como José Carlos Mariátegui, Carlos Oquendo de Amat e César Vallejo, o gran poeta da vangarda. Na prosa destacaron Ventura García Calderón, Abraham Valdelomar e César Falcón. Posteriormente dominou a narrativa realista ao servizo de temas indixenistas, rexionalistas e urbanos, onde destacan Ciro Alegría e José María Arguedas. A continuación apareceu a denominada Xeración do 50 impulsada por Sebastián Salazar Bondy, con figuras como Eleodoro Vargas Vicuña, Carlos Zavaleta Rivera, Julio Ramón Ribeyro, Enrique Congrains Martín, Luis Loayza, Oswaldo Reinoso e, sobre todo, Mario Vargas Llosa. Posteriormente destacaron na narrativa M. González Viaña, J. Ortega e, de forma importante, Alfredo Bryce Echenique; así como os poetas J. Heraud, W. Orrillo, R. Hinostroza, M. Laner e A. Sánchez.
-
música peruana
[MÚS]
Arte musical cultivada en Perú. O imperio inca tiña unha cultura musical moi desenvolvida. Os casteláns introduciron a música occidental: Gutierre Fernández Hidalgo (1553?-1618), foi o primeiro representante nativo. Outros compositores foron J. B. Alzedo (1798-1878), Daniel Alomía (1871-1942) e, modernamente, o grupo de compositores formados no contorno de Rudolf Holzmann (1910).