Pescara
Pescara
Capital da provincia homónima, na rexión dos Abruzos, Italia, situada na desembocadura do río homónimo, no Mar Adriático (115.197 h [2001]). Formouse pola unión dos centros de Castellammare Adriatico, na beira norte do río, e Pescara, na beira sur. Centro de veraneo e turismo, conta con actividade industrial baseada en empresas pesqueiras, eléctricas, mecánicas, téxtiles, alimentarias e de construción naval. Destruída polos longobardos, rexurdiu na Alta Idade Media co nome de Piscaria. Centro de loitas dos Anjou, foi conquistada por Afonso V de Aragón (1442) e converteuse en feudo dos Ávalos. Conquistada polos Borbóns (1798), a súa cidadela foi desmantelada en 1867.