Pesqueira Salgado, Manuel
Pintor. Estudou maxisterio en Pontevedra, onde coñeceu a Castelao, C. Maside e A. Souto, relacionouse coas Irmandades da Fala, simpatizou co Partido Galeguista e colaborou con A Nosa Terra. Asistiu a clases de debuxo na Escola de Artes e Oficios de Vigo como preparación para o seu ingreso na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, pero co inicio da Guerra Civil foi mobilizado. Quedoulle inutilizado o brazo dereito, feito que condicionou a súa pintura, xa que tivo que aprender a pintar e debuxar coa esquerda. As súas primeiras obras amosan un certo primitivismo con formas angulosas e arredondadas e cores puras (Nos labores do campo, 1940); posteriormente comezaron a reflectir as paisaxes e os homes dos lugares onde viviu (Vilagarcía de Arousa e a parroquia de Lantaño, en Portas), ademais de escenas festivas e costumistas. A partir de 1943 a pincelada fíxose máis pequena e uniforme, e as cores tornáronse máis escuras. Destacan O carro (1946?), Pescantina (1950), As leiteiras de Caldas (1951), Na romaría (1958?), Dous homiños (1960) e Xogadores de cartas. En 1960 trasladouse a Santiago de Compostela, onde formou parte do Grupo Mateo (1964). A súa temática céntrase no mundo labrego (Labregos, 1962; As contomeleiras, 1963), aínda que tamén inclúe escenas musicais (Os músicos, 1964), de danza (Bailarinas) e costumistas (O casamento). En 1971 instalouse novamente en Lantaño. As obras desta época caracterízanse por unha nova concepción espacial do cadro, ao mostrar un tema en diversos planos verticais (Alameda, 1976; Cuarto de baño, 1981). A pincelada fíxose máis solta e a paleta de cores enriqueceuse, mentres continuaba cos temas de antano: Os esmoleiros (1972), Fumador (1972), Mulleres pianistas, Xadrecistas (1976), Pensando con viño (1985) e Dous vellos (1987).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Paradela, Meis -
Deceso
Lugar : Pontevedra