Pestalozzi, Johann Heinrich
Pedagogo. Educouse no Collegium Carolinum de Zúric e reformou a pedagoxía tradicional, dirixindo o seu labor cara á educación popular. En 1775 abriu unha escola en Neuhof para nenos pobres, inspirada no Émile de J-J. Rousseau, onde iniciou unha nova corrente pedagóxica, inscrita na escola activa. Aínda que non obtivo os resultados esperados, en parte por razóns económicas, a experiencia valeulle para abrir novos centros como o de Stans (1799), Burdof, Yverdon, etc. Intentou demostrar que o método educativo máis adecuado é o da educación elemental, que permite que o neno comprenda as diferentes formas do saber dunha maneira natural e intuitiva, e a educación en colectividade é a situación ideal para o desenvolvemento persoal da mente e do espírito. No proceso educativo sinala cinco elementos fundamentais: espontaneidade, intuición, método, equilibrio de forzas e colectividade. Foi o gran representante da intuición como método educativo e propulsor da acción na educación. A súa pedagoxía converteuse en referencia obrigada para os movementos educativos do s XIX e para distintos pedagogos como Herbart ou Fröbel. En España, experimentouse en Madrid, Santander e Tarragona nos primeiros anos do s XIX e foi difundida con certa intensidade desde a década de 1830, entre outros polo intelectual galego Ramón de la Sagra. Das súas obras destaca Über die Erziehung der armen Landjugend (Sobre a educación da mocidade rural pobre, 1777), Meine Naschforschungen über den Gang der Natur in der Entwicklung des Menschengeschlechts (As miñas investigacións sobre o curso da natureza no desenvolvemento do xénero humano, 1797), Wie Gertrud ihre Kinder lehrt (Como Xertrude educa os seus fillos, 1801) e Mutter und Kind (Nai e fillo, 1827).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Zúric -
Deceso
Lugar : Brugg