Petavonium

Petavonium

Capital do asentamento do pobo prerromano dos superatos, no convento xurídico Astur. Situouse nas proximidades de Rosinos de Vidriales, ao N da actual provincia de Zamora. Tras as Guerras Cántabras (29-19 a C), instalouse no lugar un reducido campamento da Legio X Gemina romana, que se encargou de previr posibles accións violentas por parte dos astures, ata que Nerón o trasladou fóra do territorio peninsular (63 d C). Posiblemente volveron ocupar o campamento tras a caída de Nerón, así como tamén as tropas da Legio VII Gemina e a Ala II Flavia, creada por Vespasiano, que mantivo a súa presenza no lugar irregularmente desde o último cuarto do s I ata mediados do s III. A partir desa data non se tiveron noticias concretas de novos asentamentos, pero os restos arqueolóxicos indican unha ocupación tardorromana, que debeu ser bastante escasa en número.