Petrarca, Francesco

Petrarca, Francesco

Poeta italiano. Como humanista, a súa cultura foi vasta e refinada, máis literaria ca filosófica, onde condenaba a corrupción e a decadencia da Igrexa, nun intento por volver á simplicidade evanxélica. A lectura das Confesións de santo Agostiño sumiuno na primeira das numerosas crises relixiosas que tivo ao longo da súa vida. Formouse inicialmente en leis en Montpellier, Bolonia e Aviñón, ata que en 1326 decidiu dedicarse plenamente á literatura. Preocupouse de forma extraordinaria polo seu estilo, baseado na lectura dos clásicos e, como humanista, polo legado que ía deixar ás xeracións posteriores. Ligado nun principio á familia do cardeal Colonna, co tempo estivo baixo a protección do arcebispo de Milán G. Visconti e mesmo mantivo relación coa familia dos Carrara. Coroado como poeta no Capitolio de Roma en 1341, as súas obras poden clasificarse entre as escritas en latín, dirixidas á nobreza e ao papado; e as escritas en lingua “vulgar”, orientadas ao estamento burgués, que cronoloxicamente foron coetáneas. As obras latinas corresponden ao seu humanismo, e foron as que lle procuraron éxito na época: en verso destacan África, cun estilo semellante ao de Tito Livio; as 12 églogas de Bucolicum carmen, as Epistolae metricae en 66 hexámetros, e os sete Psalmi poenitentiales, de carácter relixioso. A prosa recolle obras históricas, como De viris illustribus, Rerum memorandarum libri, que resulta unha compilación de episodios históricos agrupados por virtudes morais; e o Itinararium syriacum, unha pretendida guía da Terra Santa; obras polémicas, como De suis ipsius et multorum ignorantia, unha defensa de Aristóteles contra os averroístas venecianos; e Invectivarum contra medicum quendam libri IV, en que defende a poesía contra a ciencia e as artes mecánicas; e obras ético-filosóficas, como De vita solitaria, De otio religioso, en que enaltece a vida monástica; De remediis utriusque fortunae, en que a través de 253 pequenos diálogos fala de cuestións da vida diaria; e Secretum, un verdadeiro exame de conciencia do poeta e clave para coñecer a súa personalidade. O seu epistolario é moi abundante e, malia ser cartas dirixidas a parentes e amigos, como Boccaccio, personaxes coetáneos ou da Antigüidade, o certo é que se poden considerar tamén como escritos literarios. Foi el mesmo quen as distribuíu e as ordenou en: Familiares, Seniles, Sine nomine e Posteritati, unha breve autobiografía do autor ata 1351; ademais das Variae, recollidas tras a súa morte. A poesía, en lingua vulgar toscana e de grande influencia en autores posteriores ata a modernidade, comprende o Canzoniere e os poemas dos Trionfi, cos que contribuíu a revalorizar a lingua vulgar como poética ao servizo da creación literaria. No Canzoniere, composto por 317 sonetos, 29 cancións, 9 sextinas, 7 baladas e 4 madrigais, predominan as poesías líricas con dous temas principais: o amor cara á muller, personificada en Laura -probablemente a esposa de Hugo de Sade, Laura de Noves, a quen Petrarca coñeceu en abril de 1327-, e a fugacidade da vida terreal, coa conseguinte caducidade da beleza. A muller, seguindo os preceptos da lírica provenzal e do dolce stil novo da poesía italiana, era obxecto de desexo do poeta, quen alababa as súas calidades físicas e espirituais. Os Trionfi (1352), non rematados, constitúen un poema alegórico que está formado por seis triunfos sucesivos, como o amor, a castidade, a morte, a fama, o tempo e a eternidade, e son un intento de imitación da Divina Comedia de Dante. A orixinalidade e o estilismo de Petrarca deron como resultado o movemento do petrarquismo, que influíu de forma importante en autores do s XV e posteriores, como Luis de Camões e António Ferreira para a literatura portuguesa, Shakespeare para a literatura inglesa, ou Juan Boscán e Garcilaso de la Vega para a literatura castelá. O Canzoniere foi traducido ao galego por Darío Xohan Cabana.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Arezzo

  • Deceso

    Lugar : Arqua Petrarca, Véneto