petróleo

petróleo

(< lat tardío *petrolĕu < bizantino πετρέλαιον ‘aceite de rocha’)

s m [QUÍM/IND]

Aceite mineral constituído por hidrocarburos de composición diversa e en proporcións moi variables segundo o xacemento de orixe. Clasifícase en petróleos de base parafínica, nafténica, aromática ou mixta, segundo o tipo de hidrocarburos que nel predominen. Hai diversas teorías que intentan explicar a súa orixe. A máis comunmente aceptada é a de Engler-Hofer, que supón que unha gran cantidade de materia orgánica (algas, diatomeas, plancto) acumulouse no fondo dalgúns mares, onde, pola ausencia de osíxeno, se formou unha masa albuminoide que, en principio pola acción bacteriana e despois por efecto da temperatura e da presión (dobramento tectónico), deu orixe ao petróleo. Os xacementos de petróleo sitúanse en profundidades variables, e normalmente constan de tres capas: a superior constituída por gas natural (principalmente metano), a intermedia por petróleo e a inferior por auga salgada. A produción mundial de petróleo (1998) distribúese domo segue: América do Norte (EE UU, Canadá, cun 20% do total), América Central e do Sur (México, Venezuela, Arxentina, Brasil, cun 8%), África (Libia, Alxeria, Exipto, Nixeria, cun 10%), Oriente Medio (Kuwait, Arabia Saudí, Irán, Emiratos Árabes Unidos, Omán, Siria, cun 30%), Extremo Oriente (China, India, Malaisia, cun 11%), a antiga Unión Soviética (Rusia, Kazakhstán e Acerbaixán, cun 11%) e Europa (Gran Bretaña, Noruega, cun 10%). As técnicas de prospección son moi variadas: indicios superficiais (gases, olor, irisación da auga), estudos xeolóxicos, localización de anticlinais e cúpulas salinas subterráneas mediante métodos gravimétricos, magnéticos, eléctricos ou sísmicos ou perforacións de prospección e ensaio, entre outras. A explotación dos xacementos realízase mediante pozos perforados con barrenas. A profundidade das sondaxes é variable, e pode superar os 10.000 m. Cando se inicia a explotación dun xacemento, a mesma presión do petróleo fai que este suba á superficie sen necesidade de ningún elemento auxiliar. O principal campo de aplicación do petróleo é o enerxético, pese ao forte aumento do seu uso na industria química. Nunca se emprega o petróleo bruto, senón que hai que elaborar as distintas fraccións e produtos acabados segundo as especificacións que impón a tecnoloxía, operación que se leva a cabo na refinaría. Ata 1885, o derivado do petróleo de maior aplicación era o queroseno. A partir desta data iniciouse a produción de aceites lubricantes. A aparición do motor de explosión e o desenvolvemento da industria do automóbil marcaron un xiro na evolución do refinado e na demanda de petróleos crus. Os principais produtos que se obteñen do petróleo son os carburantes (gasolina, gasóleo e queroseno) e os combustibles (fuel). Obtéñense tamén os gases licuados do petróleo (GLP), propano, butano e as súas mesturas, aceites lubricantes, asfaltos e coque de petróleo. Finalmente, destinados á industria química, prodúcense derivados nafténicos e aromáticos. Para distinguir as propiedades dos diferentes petróleos en bruto, e a causa da gran variedade de hidrocarburos que estes conteñen, emprégase como índice ou factor característico a densidade e o contido de xofre. En xeral, pódese obter do petróleo as seguintes fraccións: aceites lixeiros, que destilan a temperaturas inferiores aos 200°C e que están presentes nunha proporción do 10% ao 15%, aceites medios, que destilan entre 190°C e 300°C e a súa proporción é do 25% ao 30%, aceites pesados, que destilan por riba dos 300°C e constitúen o 50% ou 60% do petróleo. A unidade de medida máis empregada para a produción petrolífera é o barril. A pesar de que non existe unha equivalencia exacta entre o barril e o peso (pois varía a densidade segundo a orixe do petróleo), considérase que unha tonelada contén, aproximadamente, de 7 a 8 barrís. O petróleo foi a base da industria petroquímica, que gozou dun crecemento espectacular desde a Segunda Guerra Mundial. Isto, unido ao elevado custo das fontes alternativas de enerxía, fixeron que a demanda de petróleo mostrara un alto grao de inelasticidade cara aos niveis dos prezos. Pero, a crise do petróleo iniciada en outubro de 1970 co aumento sucesivo, e nunha primeira fase moi elevado, do seu prezo e unha posterior redución da produción, causou un proceso de rendibilización doutras fontes alternativas de enerxía. A maior parte das reservas de petróleo encóntranse na plataforma continental oceánica. As áreas máis ricas parece que se encontran na plataforma de Alasca (mar de Bering), na do mar de China meridional, o mar de Arafura, ao norte de Australia, o mar da Sonda de Indonesia, a plataforma do Atlántico en Arxentina, a do N e o L do Canadá e o L de EE UU e a plataforma de Europa Noroccidental. Tamén son interesantes para as prospeccións os mares semipechados que, pola súa natureza restrinxida, favorecen a acumulación e preservación de material orgánico, fonte do petróleo. Por grandes rexións, as reservas probadas de petróleo son especialmente importantes en Oriente Medio. Existe, pola contra, un profundo desequilibrio entre a distribución das reservas e a distribución das grandes áreas de consumo. Isto ocasiona un comercio internacional moi intenso non só polo valor do petróleo, senón tamén por peso. OBS: Tamén se denomina ouro negro.