Pexegueiro González, Alfonso
Escritor. Pertencente ao grupo poético Rompente, foi un dos protagonistas da renovación poética do último cuarto do s XX en lingua galega. Tras a súa estadía en Madrid, regresou a Galicia e ingresou no Seminario Maior de Vigo, onde estudou filosofía, teoloxía e literatura. Abandounou o seminario (1970) e, despois dunha breve etapa en Barcelona, regresou novamente a Vigo para participar en diversas accións culturais, como as Follas de Resistencia Poética e a creación de Rompente (1975). Redactor de Vagalume (1976-1978), cofundou a Asociación de Escritores en Lingua Galega (1980), en que exerceu como secretario (1980-1985), e foi coordinador da revista Escrita. Promotor do I Congreso de Escritores en Lingua Galega (1981) e do encontro literario GALEUSCA, co abandono da AELG, decidiu volver a Barcelona (1985-2000) e quedar á marxe dos círculos literarios de Galicia, polo que foi considerado un “poeta maldito”. Da súa obra, principalmente poética e con algunhas incursións na narrativa, cómpre salientar, Seraogna (1976), un libro de versos con intensas imaxes e metáforas, onde o poeta regresa á súa aldea para describir o espazo do ser enfrontado á terra, ao mundo e a si mesmo; Mar e naufraxio (Premio da Crítica Galicia, 1978), libro de poemas en que se reflicte a súa ideoloxía socialista e revolucionaria; Círculos de auga (1979), co que se pecha o ciclo iniciado con Seraogna; O pabellón das hortensias azuis (1983), centrado na experiencia inconsciente da nenez; A illa das mulleres loucas (1984), en que mestura o mítico, o real e o imaxinario; Relatos pra salferir (1981), narracións breves acompañadas de trazos poéticos e elementos rupturistas; Fantasía (extracto) do xefe dos lagartos (1988); Desatinos dun maldito (1991), relato longo en que se introducen elementos poéticos e un discurso filosófico; El lago de las garzas azules (1994), conto-poema sobre a nenez; Serán os cisnes que volven? (1995), en que aparece unha nova visión do tempo e do espazo; Hipatía ou a idade das cousas (1998) e Dados blancos (2004).
Cronología
-
Deceso
Lugar : goares, Ponteareas