pictorialismo
(< ingl pictorial photography‘imaxe fotográfica’)
Movemento artístico de repercusión internacional que xurdiu a finais do s XIX como unha corrente reivindicadora da importancia da fotografía e a súa equiparación co resto das formas de arte, en especial coa pintura. Caracterizouse polo uso da fotografía como recurso expresivo e experimentou con novas materias, técnicas de representación e de manipulación da fotografía, desde o desenfoque ao distanciamento. Desde 1902 Nova York converteuse no centro do pictorialismo internacional, especialmente tras a creación do grupo Photo-Secession. Aínda que se estableceu a década de 1920 como a da fin deste movemento, o interese polo mesmo rexurdiu ao redor de 1970 e continuou a ter influencia na obra de fotógrafos posteriores.