PICUSA

PICUSA
Nome científico: [Padronesa Industrial de Curtidos SA]

Empresa curtidora situada en Padrón. Ten a súa orixe nunha fábrica de curtidos establecida en 1875 no pazo da Matanza, fundada polos seus propietarios, a familia Novo y Sierra. Despois da Guerra Civil Española fusionouse co empresario catalán Ignacio Zaragoza Salvado e formou a sociedade Zaragoza-Novo y Sierra (Zaise), ata que en 1952 foi vendida a I. Zaragoza, tomando o nome de Pieles, Curtidos y Lanas SA (Picusa). Comezou entón un período de expansión e modernización tecnolóxica. En 1980 adquiriuna a sociedade RUMASA e en 1983, coa expropiación da mesma, quedou en mans do Estado ata que en 1985 foi adxudicada a Juan Javier Zaragoza e Ricardo Vila Camasovilas que a mantiveron ata que en 1995 entrou en suspensión de pagos. Desde 1997 pertence ao Grupo Cortizo e tomou a denominación actual. A súa produción anual, 3,6 millóns de pés2, está destinada ao calzado e a marroquinaría.