Piel, Joseph Marie

Piel, Joseph Marie

Filólogo. Realizou os estudos universitarios en Friburgo, Berlín e Bonn, onde tivo como mestre a W. Meyer-Lübke. De 1938 a 1953 foi catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Coimbra e de 1953 a 1968 da Universidade de Colonia. A partir de 1968 dedicouse por completo ao seu labor investigador no campo da romanística. Desde a presentación da súa tese de doutoramento sobre a fala de Courtisols (Die Mundart von Courtisols bei Châlons, 1929), estendeu o seu interese á investigación lingüística de Occidente, comezando así a serie de traballos sobre problemas lingüísticos e etimolóxicos do galego, do portugués e do resto da Península Ibérica. No campo da etimoloxía escribiu varios artigos en que examinaba e ampliaba o Romanisches etymologisches Wöterbuch (1911-1920), de Meyer-Lübke, intentou buscar a orixe de moitas palabras portuguesas e galegas (Miscelânea de etimologia portuguesa e galega, 1953) e estudou as características e fontes do léxico galego. En 1933 comezou a publicar no Boletim de Filologia de Lisboa diversos estudos sobre o elemento xermánico na toponimia -recompilados posteriormente en dous volumes co título de Os nomes germânicos na toponímia portuguesa (1936 e 1945)-, que continuou con outros traballos de antroponimia e elementos lingüísticos visigodos (O património visigodo da língua portuguesa, 1942; Hispano-gotisches Namenbuch. Der Niederschlag des Westgotischen in den alten und heutigen Personenund Ortsnamen der Iberischen Halbinsel, 1976, en colaboración con Dieter Kremer, en que presenta un estudo completo de todos os nomes de orixe xermánica, especialmente no NO). As súas investigacións toponímicas, antroponímicas e onomásticas foron recollidas nos volumes Nomes de lugar referentes ao relevo e ao aspecto geral do solo: capítulo de uma toponímia galego-portuguesa (1947), Nomes de “possessores” latino-cristãos na toponímia asturo-galego-portuguesa (1948) e Os nomes de santos tradicionais hispânicos na toponimia peninsular (1950). Escribiu sobre temas linguísticos galegos e portugueses, reunidos no volume Estudos de linguística histórica galego-portuguesa (1989), en colaboración con Ivo Castro e Maria Ana Ramos. Destacan así mesmo as edicións que fixo de textos medievais portugueses (Leal Conselheiro, 1942; Livro da ensinança de bem cavalgar toda sela, 1944; Livro dos Oficios de Marco Tullio Ciceram, 1948; e Demanda do Santo Graal, 1988). Ademais a Academia de Ciências de Lisboa encomendoulle a dirección, na parte etimolóxica, do Dicionário da língua portuguesa (1976). Foi membro correspondente da Academia de Ciências de Lisboa, membro de honra da Real Academia Galega; doutor honoris causa das universidades de Coimbra (1951) e de Santiago de Compostela (28.1.1980); e catedrático extraordinario da facultade de letras da Universidade de Lisboa (1968) e catedrático honorario da Universidade de Tréveris (1979).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Mörchingen, Lorena

  • Deceso

    Lugar : Tréveris