Pintos Villar, Xoán Manuel
Xurista e poeta. Pertencente ao grupo dos Precursores e incluído na primeira xeración provincialista, foi unha das figuras máis destacadas da literatura galega na súa época. Na Coruña iniciou os estudos de humanidades no convento dos Dominicanos e, posteriormente, aprendeu filosofía, solfexo e violín en Santiago de Compostela (1825). Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1829-1835), impartiu clases de institucións canónicas durante un ano. A partir de 1837 exerceu como avogado na Coruña, ata que en 1840 pasou a ocupar o posto de xuíz de primeira instancia en Cambados. Despois de cesar no posto (1844), foi avogado e fiscal en Pontevedra, ata que en 1862 ocupou a praza de rexistrador da propiedade en Vigo. Durante todos estes anos, sobre todo durante a súa estadía en Pontevedra, colaborou en diversos medios de comunicación, como os xornais El País e La Perseverancia, e no suplemento Álbum de El Miño, ademais de incluír algunhas poesías en Misterios de Pontevedra (1845). Escribiu diversas composicións en lingua galega, como as églogas “Antonio e Margarida ” (1857), en que analiza desde un posicionamento romántico as consecuencias da desamortización; “Xacinto e Catriña” (1858) e “Delores e Alexandre” (1858). O poema narrativo “Contos da aldea que parecen historias da vila ou historias da vila que parecen contos da aldea” (1858), foi o primeiro destas características en lingua galega e onde a través de descricións históricas e xeográficas deseñou un cadro de costumes sociais da época; e na epopea “A Galicia” (1861) presentou a grandeza de Galicia en base a un percorrido polos seus principais fitos históricos. Editou a Recopilación de muchas palabras, voces y frases de la lengua gallega hecha por el Rmo. Padre Fr. Martín Sarmiento, honor y gloria de Pontevedra, su patria (1859). É tamén autor do primeiro libro e un dos máis destacados do Rexurdimento, A gaita gallega tocada polo gaiteiro ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega e aínda máis (1853), que foi orixinariamente publicado en fascículos. Dividido en sete partes ou “foliadas”, o autor tenta convertelo nunha ferramenta para a aprendizaxe da lingua galega, onde destaca a importancia cultural que o galego debe ter para os seus falantes. No texto, moi heteroxéneo, mestúrase poesía e prosa en latín, galego e castelán, e inclúe un compendio de diversas ideas, que van desde o socialismo utópico ata o costumismo ou o catastrofismo relixioso, onde se denuncian os grandes males de Galicia, pasando pola riqueza léxica e expresiva do galego, a súa relación co latín e a súa capacidade para servir como lingua vehicular para o poeta, á mesma altura ca o castelán ou o francés. Nese sentido, desenvolve algunhas das ideas que xa manifestara na súa época o propio Sarmiento. Para o desenvolvemento do libro, o autor aproveita as ensinanzas dun personaxe central, o gaiteiro galego que, dirixíndose ao outro personaxe, o tamborileiro non galego Pedro Luces, lle explica o funcionamento e as diversas partes do instrumento popular. Neste libro incluíu tamén un pequeno anexo de quince páxinas en que se recollían os étimos latinos dalgunhas formas galegas, o que representa o primeiro intento de creación dun dicionario etimolóxico en lingua galega. Ademais destas publicacións, tiña previsto editar un breve dicionario do que se conserva o manuscrito na Real Academia Galega, con preto de 14.000 voces, editado por M. Neira e X. Riveiro co título Vocabulario gallego-castellano de Juan Manuel Pintos (2000). Foi socio de mérito da agrupación madrileña Galicia Literaria. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1975.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra -
Deceso
Lugar : Vigo