pintura
(< lat v *pinctūra)
-
[ARTE]
-
s
f
Arte de pintar.
-
s
f
Obra que resulta da acción de pintar. As primeiras manifestacións pitóricas datan do Paleolítico Superior. Son as pinturas rupestres localizadas nas covas, sobre todo, no S de Francia, N de España e nos Urais. Trátanse en xeral de representacións da fauna cuaternaria, policromadas, naturalistas e sen formar escenas, e con escasas representacións humanas. Destacan as covas de El Castillo e Altamira (Cantabria) e Lascaux (Francia). Durante o Epipaleolítico ou o Neolítico desenvolveuse no Levante español unha nova pintura rupestre monocroma e de tintas planas con representación de escenas de caza, danza e guerra de carácter máis esquemático e dinámico ca as pinturas paleolíticas, das que estacan as pinturas da cova de Cogull (Lleida). Na civilización exipcia decoráronse con pinturas murais as tumbas dos faraóns. Eran escenas da vida cotiá e representacións mitolóxicas realizadas cun estilo máis conceptual ca realista. As culturas mediterráneas empregaron a pintura en diferentes modalidades. Da civilización minoica consérvanse restos de pinturas murais con temas naturalistas e rituais, das que sobresaen as escenas de tauromaquia do palacio de Knossos. Ademais traballaron tamén a decoración pictórica na cerámica. En Grecia destaca a pintura cerámica que evolucionou desde as formas xeométricas e curvilíneas ata a representación humana. Na pintura mural destacaron no s IV a C Polignoto e Apeles. A pintura helenística é un precedente da pintura romana, co cultivo de múltiples temas. En Roma cultivouse a pintura mural, da que destacan os restos de Pompeia e Herculano. Estas manifestacións evolucionaron desde os primeiros estilos ilusionistas coa aparencia de revestimentos de mármore ata as escenografías arquitectónicas completas. As primeiras comunidades cristiás cubriron as paredes das catacumbas con pinturas que adaptaron temáticas pagás grecorromanas ás novas necesidades do culto, como a figura do Bo Pastor, tomada das representacións do deus Hermes. En Galicia as primeiras manifestacións pitóricas son as do dolmen de Pena Cuberta en Vimianzo, en que aparecen zigzags en cores vermella, branca e negra. En Santa Baia de Bóveda, posible ninfeo romano cristianizado no s IV, consérvanse pinturas murais nos tramos da bóveda e nos muros da nave. A pintura bizantina caracterizouse polo emprego dos fondos dourados e a viveza das cores. Representábanse temas relixiosos de todo tipo: escenas sacras, o pantocrátor, representacións de profetas, apóstolos, santos e outros. Ademais, realizáronse iconas, representacións de Xesús Cristo, a Virxe, os santos e temas sagrados, e miniaturas en libros relixiosos e nalgún de tema científico. Durante a Idade Media houbo diversas manifestacións pitóricas. Xunto á pintura mural desenvolveuse a miniatura e a pintura de cabalete. Os pobos xermánicos desenvolveron unha miniatura caligráfica, da que destaca o Libro de Durraw ou os Evanxeos de Lindisfarne. Durante o Imperio Carolinxio desenvolveuse a pintura mural (Saint-Germain de Auxerre), pero tamén a miniatura (Salterio de Utrecht). A arte islámica apenas produciu manifestacións pitóricas por mor da prohibición de representacións das imaxes e centrouse na miniatura, principalmente con motivos abstractos de natureza xeométrica e vexetal. Os mozárabes continuaron a desenvolver a miniatura, das que destacan os comentarios á Apocalipse (Apocalipse do Beato de Liébana). A pintura románica adaptouse ás formas arquitectónicas e tivo unha función didáctica, pois a Igrexa pretendía atraer aos fieis a través das representacións. Un dos temas máis utilizados nas ábsidas das igrexas foi o do pantocrátor (Sant Climent Taüll), pero tamén se representaron escenas alusivas á Virxe ou escenas bíblicas (Panteón Real de San Isidoro de León). Realizáronse tamén pinturas sobre táboas, sobre todo frontais para altares, e miniaturas. En Galicia parece que se desenvolveu unha importante pintura mural en función do número de igrexas construídas, pero só se conservan os frescos de San Pedro de Rocas coa representación dun mapamundi do derradeiro terzo do s XII, tomado dunha representación dun Beato. Consérvanse un maior número de miniaturas, das que destacan o Libro de horas de Fernando I e Sancha e o Codex Calixtinus. A pintura gótica supuxo o progresivo abandono dos gustos bizantinos a favor dos occidentais. Desenvolveuse a pintura sobre táboa, cunha temática fundamentalmente relixiosa, pero tamén na miniatura, non só en obras relixiosas senón tamén laicas. Trátase dunha pintura simbólica, non naturalista. No s XIII o centro da pintura situouse en Italia onde destacou sobre todo Giotto, precedente do Renacemento ao crear unha ilusión de profundidade sobre a superficie plana das figuras que son tratadas dun xeito máis realista (frescos da capela dos Scrovegni, Padua). Outro centro importante foi Siena, coas obras de Duccio di Buoninsegna e Simone Martini. No eido da miniatura destacaron os irmáns Limbourg, que iluminaron as Belles Heures e as Très Riches Heures para o duque de Berry. No s XV o centro artístico trasladouse a Flandres onde Jean van Eyck e, posteriormente, Roger van der Weyden e Hans Memling desenvolveron unha pintura máis realista e cun colorido máis rico ao tempo que difundiron o emprego do óleo como aglutinante. Na Península Ibérica mantivéronse as formas románicas ata finais do s XIII. As influencias italianas chegaron a partir do s XIV a través de Catalunya (Ferrer Bassa, os irmáns Jaume e Pere Serra, Bernat Martorell); e no s XV a relación comercial con Flandres permitiu o coñecemento das novidades da pintura flamenga (Jaume Huguet, Jorge Inglés, Fernando Gallego). En Galicia consérvanse miniaturas do s XIII (Historia Compostelana) e do s XIV (Pontifical de Tui), pero son poucas as mostras de pintura mural. Do gótico lineal non se conserva ningún fresco. Xa relacionados co gótico internacional son os frescos de San Xoán de Portomarín,Vilar de Donas e San Francisco de Viveiro. De estilo hispanoflamengo hai unha pintura sobre táboa no convento de Belvís de Santiago de Compostela. Máis rica é a pintura mural hispanoflamenga realizada por autores anónimos, coñecidos polo nome das obras que realizaron, son os mestres de Marzá, o primeiro mestre de Cuíña, o de Santa María de Seteventos, de Frameán, da Claustra Nova, de Mondoñedo e de Chouzán. O Renacemento supuxo unha auténtica revolución na concepción da pintura. Abandonouse a supeditación ao marco arquitectónico e desenvolvéronse os cadros independentes de temática variada: relixiosa, alegórica, mitolóxica, histórica e retratos. No eido máis técnico desenvolveuse a perspectiva, a luz e a cor imitaron a realidade e o modelado baseouse, xunto co debuxo, nas luces e sombras. Os cambios comezaron no s XV en Florencia coa obra de Fran Angelico, Masaccio, P. Ucello, Piero della Francesca e Boticelli. O culmen da pintura renacentista acadouse con Leonardo da Vinci, Rafaello Sanzio, Michelangelo Buonarroti e Tiziano. Desde 1520 ata 1600 desenvolveuse o manierismo, estilo que supuxo un momento de loita entre o anticlasicismo e o clasicismo. Destacaron Il Parmigianino, Tintoretto e Bronzino. Xunto con Italia o outro foco do Renacemento pictórico foi o N de Europa e Francia. Destacaron Hans Memling, Jean Fouquet, O Bosco, A. Dürer, Hans Holbein o Novo e Pieter Brueghel o Vello. En España a pintura renacentista foi, case exclusivamente, relixiosa; só na corte se desenvolveu o retrato e os temas mitolóxicos. Cómpre destacar a obra de Vicent Macip, Juan de Juanes, Luis de Morales, Alonso Sánchez Coello e Juan Pantoja de la Cruz. A primeira obra realizada en Galicia coas novas directrices renacentistas foi a decoración da gran sala do palacio do arcebispo Alonso III de Fonseca en Santiago de Compostela (1520). A pintura mural foi adaptando as novas solucións ao longo do segundo terzo do s XVI coa obra dos mestres de Parga, o segundo mestre de Cuíña, o de Paderne, o de Fornás e o de Sixto. O manierismo estivo dominado polo aragonés Juan Bautista Celma. Foi unha etapa en que a pintura mural diminuíu ao tempo que aumentou a realización de retablos. Os ideais do Barroco quedaron reflectidos na pintura que se empregou para impoñer e afianzar os valores relixiosos e políticos. Tecnicamente foise abandonando o rigor da perspectiva matemática e os espazos foron máis libres e abertos. O naturalismo deu paso á apoteose decorativa e escénica. A pintura relixiosa exaltou os valores da Contrarreforma, pero tamén se desenvolveu a pintura de xénero, escenas de interiores e vida cotiá, e escenas mitolóxicas, alegóricas e simbólicas para representar o poder. Destacaron Caravaggio, os irmáns Carraci e Pietro da Cortona en Italia; Nicolas Poussin e Claudio Lorena en Flandres; Rubens, J. Jordaens e A. van Dyck en Flandres; Rembrandt, F. Hals e Vermeer en Holanda; e Velázquez, F. Ribalta, J. Ribera, F. Zurbarán, B. E. Murillo e J. Valdés Leal en España. No Barroco galego a pintura ocupou un lugar secundario con respecto ás outras artes. O retablo substituíu as pinturas murais e os pintores dedicáronse a labores ornamentais, como a policromía de retablos e imaxes. No s XVII destacou Antonio de Puga, pintor da corte de Filipe IV e discípulo de Velázquez. Xunto a el cómpre sinalar a Fernando Reymóndez Figueroa, Antonio Pereira e frei Bieito, ao que se lle atribúen as pinturas de Vilanova de Lourenzá. A comezos do s XVIII en Francia e Alemaña naceu o rococó, que seguiu ao Barroco no emprego da luz e da sombra e na composición, pero cun estilo máis festivo. Destacaron J. A. Watteau. J. B. S. Chardin e G. B. Tiepolo. Paralelamente no s XVIII desenvolveuse en Reino Unido a pintura moralizante de W. Hogarth e a aristocrática de T. Gainsborough e J. Reynolds. Durante a segunda metade do s XVIII e comezos do s XIX recuperáronse os estilos do pasado. O neoclasicismo baseouse na volta aos modelos da Antigüidade clásica. A pintura caracterizouse polo predominio da liña e a subordinación da cor. Destacaron A. R. Mengs, J. L. David, A. J. Gros e J. A. D. Ingres, ademais de primeira época de F. de Goya, figura que pola súa evolución artística non é adscribible a unha corrente concreta. O romanticismo volveu ao espírito medieval, concedeu unha grande importancia á natureza e tivo un gran desenvolvemento a paisaxe. A pintura caracterizouse polo gusto pola cor e a recuperación de técnicas como a acuarela ou o gravado. Destacaron A. J. Gros, T. Géricault, E. Delacroix, J. Constable, W. Turner e C. D. Friedrich. En Galicia o neoclasicismo desenvolveuse en Santiago de Compostela coa obra dos pintores decoradores como X. B. del Río ou Varela Pimentel. Xunto a eles destacaron Manuel Arias Varela, Manuel Landeira Bolaño, José Terán e, sobre todo, Gregorio Ferro Requeijo. O clasicismo tamén se percibe na obra dos pintores nacidos ao redor de 1760. Plácido Fernández Arosa e Agustín Díaz Robles. Na obra deste último xa se comezan a apreciar as formas románticas. A partir da segunda metade do s XIX desenvolvéronse diversas tendencias pitóricas que levaron ás grandes transformacións do s XX. Coa consolidación da burguesía produciuse unha reacción contra os valores idealistas do neoclasicismo e romanticismo, e xurdiu o realismo con G. Courbet e H. Daumier. Antes da chegada do impresionismo, a escola de Barbizon defendeu a pintura directa do natural. Ademais dos membros da escola, destacou C. Corot, renovador da paisaxe do s XIX. Como reacción á arte academicista xurdiu o impresionismo, precedido da obra de J. Manet. Interesados por captar a realidade inmediata, os impresionistas estudaron os efectos da luz sobre as cousas e para iso traballaban directamente ao aire libre. Sobresaíron C. Monet, C. Pisarro, A. Renoir e E. Degas. A radicalización do impresionismo, baseada na concepción da luz como a combinación de varias cores, deu lugar ao neoimpresionismo, coñecido tamén cos nomes de divisionismo e puntillismo, e representado por G. Seurat e P. Signac. Paralelamente desenvolveuse o simbolismo na procura dunha pintura con contido poético. É o caso da obra de G. Moreau, P. Puvis de Chavannes ou O. Redon. Baixo o nome de postimpresionismo recóllense as diversas tendencias e estilos individuais que xurdiron a partir do impresionismo ou como reacción a el, inclúense a V. van Gogh, P. Gauguin, P. Cézanne e H. Toulouse-Lautrec. A pintura modernista tratou de superar tanto o academicismo como o impresionismo. Foi unha pintura lineal e bidimensional que se empregou sobre todo na ilustración gráfica, no cartel e na litografía. Entre outros artistas destacou G. Klimt. A pintura española acadou un grande auxe no derradeiro terzo do s XIX ao cultivarse distintos xéneros e estilos. Destacaron o paisaxista C. de Haes, os retratistas A. M. Esquivel e F. de Madrazo, o pintor de xénero M. Fortuny, os pintores de historia J. Casado de Alisal e F. de Pradilla, o impresionista D. de Regoyos e os modernistas H. Anglada i Camarasa e R. Casas. A pintura galega da segunda metade do s XIX reflectiu a loita entre tradición e modernidade. Xunto a pintores nacidos en Galicia que desenvolveron ou non aquí a súa obra, hai pintores foráneos que chegaron para ocupar postos educativos e que desenvolveron aquí a súa traxectoria artística. O romanticismo está representado por X. Cancela del Río, X. Pérez Villaamil, prototipo do paisaxista romántico, e Dionisio Fierros. A superación da paisaxe romántica foi obra de S. Avendaño. A finais do s XIX triunfaron as correntes eclécticas e historicistas que deron como resultado o naturalismo e a pintura social. Destacaron J. M. Fenollera, M. Brocos, R. Navarro, G. Pardo Reguera e A. Souto. A derradeira xeración do s XIX é a denominada Xeración Doente, en que se inclúen a O. Murguía, X. Vaamonde, R. Parada Justel e X. Carrero. A superación dos temas decimonónicos e a busca dun certo primitivismo levou ao desenvolvemento dunha pintura rexionalista. Foron pintores formados no academicismo que cultivaron paisaxes e escenas de xénero e costumistas. Xunto con F. Álvarez de Sotomayor, cómpre sinalar a R. González del Blanco, F. Lloréns, os paisaxistas M. Abelenda, F. Bello Piñeiro, A. Souto e X. Taibo. O modernismo cultivouse principalmente nos campos do debuxo e da ilustración coas obras de M. Bujados, M. Ramos, F. Ribas e C. Díaz Baliño. A pintura do s XX caracterízase pola gran variedade de movementos e estilos, e pola definitiva ruptura coa arte tradicional. Antes da Segunda Guerra Mundial desenvolvéronse as primeiras vangardas. Os fauvistas, entre outros M. Matisse e A. Derain, empregaron as cores puras e negaron a busca da forma a través da luz e a sombra. O cubismo, ideado por Picasso e P. Braque, rompeu definitivamente coa perspectiva renacentista e deu unha nova interpretación do espazo cunha linguaxe xeometrizante. O expresionismo alemán puxo a énfase na expresividade, ben do contido, ben da forma, e destacaron os grupos Die Brücke e Der Blaue Reiter. O futurismo de G. Balla, C. Carrá, G. Severini e U. Boccioni buscou expresar o dinamismo da vida moderna. O construtivismo ruso, creado por V. Tatlin, baseouse nas formas abstractas relacionadas coa industria e a técnica. O neoplasticismo de P. Mondrian baseouse nas composicións rectilíneas e nas cores primarias. O dadaísmo, con M. Duchamp, M. Ray e F. Picabia, representou a corrente do absurdo e da angustia, xurdida durante a Primeira Guerra Mundial. O surrealismo fundamentouse no mundo dos soños e da subconsciencia, destacaron M. Ernst, R. Magritte, S. Dalí e J. Miró. Despois da Segunda Guerra Mundial floreceron multiplicidade de tendencias, estilos tanto na abstracción como na figuración. En EE UU desenvolveuse o expresionismo abstracto con A. Gorky, W. de Kooning e J. Pollock; mentres en Europa xurdiu unha nova abstracción de carácter informalista coa obra do Grupo Cobra ou dos españois A. Tàpies, A. Saura e M. Millares. Tamén se desenvolveu unha nova figuración con J. Dubuffet, F. Bacon, R. Canogar e J. Genovés. A pop art naceu inspirándose na realidade cotiá e con técnicas tomadas do cine, a publicidade ou os cómics. Destacaron A. Warhol e R. Lichtenstein, entre outros. Nas décadas de 1960 e 1970 xurdiu o hiperrealismo, caracterizado por unha volta ao retrato realista e á paisaxe, utilizando como referencia a fotografía. Sobresaíron J. Eddy e A. Fernández. Desde a década de 1970 naceron múltiples tendencias, ao tempo que se empregaron novos materiais e técnicas e se buscou a comercialización da obra de arte. Desenvolvéronse o minimalismo, a arte pobre, a body art, a land art, a transvangarda italiana e outras. En Galicia a renovación artística tivo lugar durante a Segunda República Española coa denominada vangarda histórica, integrada por C. Maside, M. Torres, M. Colmeiro, C. Fernández Mazas, A. Souto e Laxeiro. O surrealismo atopou en M. Mallo, nos irmáns Granell e U. Lugrís algúns dos seus máximos representantes. Outros artistas destacables na primeira metade do s XX foron C. Blanco, X. Frau, X. Minguillón, L. Pintos Fonseca e C. Vázquez. Despois da Guerra Civil e durante o Franquismo moitos artistas e intelectuais tiveron que exiliarse e desenvolveron a súa obra no exterior: é o caso de L. Seoane. Dos que permaneceron aquí destacaron M. Prego de Oliver, L. Torras e I. Díaz Pardo. A finais da década de 1950 salientaron X. Conde Corbal, Virxilio F. Cañedo e J. Castillo, e a comezos da década seguinte X. Quessada e X. L. de Dios. A abstracción cultivárona, entre outros, A. Lago Rivera, M. Suárez Molezún, L. Nóvoa, F. Mantecón e R. Patiño; e a figuración M. A. Dans, A. Pérez Bellas, A. Abreu Bastos, F. Criado, X. Maside e A. Abelenda. Nos anos oitenta desenvolveuse a proposta artística Atlántica, proposta polos pintores M. Lamas, A. Patiño, A. Huete e G. Monroy, que renovou toda a plástica galega. Xunto cos fundadores participaron moitos outros pintores. Desde entón a pintura galega participou nos distintos movementos e tendencias, ao tempo que aumentou o número de pintores.
-
s
f
Táboa, lámina, lenzo ou muro en que se pinta unha cousa.
-
pintura absoluta
Pintura xeométrica non figurativa que se basea na esencia da liña, a superficie e a cor. Busca expresións construtivas a base de ángulos rectos e cadrados.
-
pintura á chamberga
Procedemento pictórico que consiste en pintar obxectos que non están expostos á intemperie, mediante o uso de cores preparadas con verniz de pez grega e augarrás.
-
pintura de historia
Representación de escenas do pasado, que intenta a reconstrución dos grandes sucesos históricos, polo seu interese ético ou épico ou pola súa propia transcendencia. Desenvolveuse a partir do Barroco.
-
pintura de xénero
Representación de temas e escenas da vida cotiá, considerada especialmente polos mestres holandeses e flamengos do s XVII.
-
pintura ao óleo
Técnica pictórica que consiste na disolución en aceite de cores utilizadas para pintar. Emprégase sobre unha base absorbente de tea ou madeira. Na Idade Media esta técnica usábase combinada coa da témpera. No s XV apareceu a pintura ao óleo independente nos Países Baixos, e que a tradición lle atribúe o seu descubrimento a Jan van Eyck.
-
pintura xestual
action painting.
-
s
f
-
s
f
Descrición dunha persoa ou dunha cousa.
-
s
f
-
Materia líquida ou pastosa preparada para pintar algunha superficie, que consiste nunha suspensión de materias sólidas (o pigmento que lle confire a cor, e as materias de carga que a espesan, que lle aumentan a opacidade), nunha preparación líquida a base dun vehículo (aceite, resina natural ou sintética, etc, disolventes, plastificantes e secantes. Ata hai pouco tempo, ademais dos pigmentos, as pinturas eran auga, cola e xeso (pintura á auga ou pintura á cola), ou ben aceite de liñaza, augarrás e un secante, xeralmente un derivado metálico soluble en aceite (pintura ao aceite). Actualmente, empréganse moitos outros compoñentes, como aceite de soia ou de ricino deshidratados, extractos derivados do petróleo ou da hulla (como benzol, hidrocarburos clorados, alcohois, e ésteres), e resinas naturais e sintéticas. As pinturas poden clasificarse, atendendo á súa natureza ou composición, en graxas, celulósicas, sintéticas, bituminosas, alcóholicas, á auga, luminosas, etc; segundo a maneira de aplicarse, en pinturas para brocha, para pistola, para rolo, para inmersión, etc; e, segundo a finalidade que se pretende obter, en pinturas para exteriores, interiores, fiestras, imprimación de madeiras ou de metais, anticorrosivas, etc.
-
Revestimento dunha superficie feito con pintura.
-
-
s
f
[IND]
-
Operación de revestir algunha superficie con pintura. Comprende tres etapas: a preparación da superficie que se necesita pintar, a pintura propiamente dita e o secado. A primeira pode consistir nunha simple limpeza ou ben en desengraxar ou decapar a superficie. A aplicación da pintura pode facerse á man (con brocha ou con rolo) ou, máis xeralmente na industria, con pistola, por inmersión, etc. O secado pode ser por evaporación natural ou ben por quentamento.
-
Sección ou departamento dunha empresa onde se efectúa a operación de pintura.
-
Refráns
- Na pintura non está a figura.
- Unha causa é a pintura e outra moi outra é a figura.