Piñón, Nélida
Escritora e xornalista. De nome Nélida Cuíñas Piñón, provén dunha familia de ascendencia galega orixinaria de Carballedo. Interesada polas súas orixes e polo mundo dos celtas, cultiva diversos xéneros como a narrativa, o teatro, a crítica e o ensaio. Formada na facultade de Filosofía da Universidade Católica do Rio de Janeiro, foi catedrática de Literatura Latinoamericana na University of Miami. Da súa obra, que evolucionou desde unha primeira etapa intimista a outra máis ampla, preocupada polos aspectos históricos e sociais, destacan as novelas Guia mapa de Gabriel Arcanjo (1961), Madeira feita cruz (1963), Fundador (1969, Premio Walmap), A casa da Paixão (1973, Premio Mário de Andrade), Tebas do meu coração (1974), A força do destino (1977), A república dos sonhos (1984, Premio Pen Club), traducida ao galego; A doce canção de Caetana (1987, Premio da União Brasileira de Escritores de São Paulo) e Vozes do deserto (2004); a novela xuvenil A roda do vento (1996) e os libros de contos Tempo das frutas (1966), Sala de armas (1973), O calor das coisas (1980) e Il nuevo regno (1989). Presidenta (1996-1997) da Academia Brasileira de Letras -a primeira muller no mundo que preside unha institución deste tipo-, é doutora honoris causa polas universidades de Santiago de Compostela (1998), Poitiers (Francia), Rutgers (EE UU) e Florida Atlantic (EE UU). Recibiu a medalla Castelao (1992), o V Premio Internacional de Literatura Latinoamericana y del Caribe Juan Rulfo (1995) e o XVII Premio Internacional Menéndez Pelayo (2003).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Rio de Janeiro