Pipino I
o Breve (? 714 - Saint-Denis, Île-de-France 768) Rei dos francos (752-768), fillo de Carlos Martel, de quen herdou (741) o cargo de mordomo de palacio e os territorios de Borgoña, Neustria e Provenza, mentres que o seu irmán Carlomán recibía igualmente o cargo de mordomo e Austrasia, Alemaña e Turinxia, e con quen compartiu o poder ata 747, e en 752, despois do desterro de Khilderico III de Neustria-Austrasia-Borgoña, derradeiro rei merovinxio, foi proclamado rei en Soissons, e iniciou así a dinastía carolinxia. Ao ano seguinte foi consagrado de novo polo Papa Estevo II en Saint-Denis, consagración que se estendeu á súa muller Berta e aos seus fillos Carlos e Carlomán. En 759, os godos de Narbona entregáronlle a cidade, feito que reflectiu o seu dominio sobre a Septimania e o Rosellón ata a serra de Albera.