Pisa

Pisa

Capital da provincia homónima, en Toscana, Italia (85.379 h [2001]). É un antigo porto medieval situado á beira do Arno, a uns 12 km da súa desembocadura, no centro dunha ampla chaira aluvial. Xunto cunha tradicional artesanía, ten industrias téxtiles, farmacéuticas e de vidro. Tivo importancia xa na época romana, pero a dominación dos ostrogodos e lombardos retardou o seu desenvolvemento, pois truncou as súas relacións comerciais con Oriente. En 812 entrou a formar parte do Marquesado de Toscana e despois dependeu do Sacro Imperio Romano-Xermánico. No s XI comezou a súa expansión marítima, ao mesmo tempo que se consolidaba a súa autonomía respecto ao Imperio e aos marqueses de Toscana ata constituírse, a finais de século, como un goberno común de cónsules, que deu paso á República de Pisa. Incorporada a Florencia (1406), a súa historia política posterior correu parella á desta cidade. A Piazza del Duomo, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1987), reune o conxunto integrado pola catedral (ss XI-XII), o baptisterio (comezado en 1153 e rematado no s XV), a torre inclinada (comezada no 1173 e terminada no s XIV), e o Camposanto. Destacan tamén as igrexas góticas de Santa Caterina e de Santa Maria della Spina. Foi sede dunha importante escola artística, básica no desenvolvemento da escultura gótica italiana.