Pisa, República de
Entidade política xurdida no s XI ao se consolidar, cara a 1080, unha organización privada de cónsules, maxistratura aristocrática que foi absorbida polos poderes dos vizcondes, representantes do Sacro Imperio Romano-Xermánico, e os poderes do bispo (arcebispo desde 1092). Máis tarde apareceu a figura do podestà (1191), que gobernou en común cos cónsules ata mediados do s XIII. A expansión pisana comezou coa loita contra os corsarios sarracenos que infestaron os seus mares. A participación da súa frota na Primeira Cruzada (1096-1099) proporcionoulle unha posición privilexiada no comercio oriental. A pugna do predominio en Córsega e en Sardeña provocou tres guerras entre Pisa e Xénova (1119-1133; 1162-1175; 1187-1188), que se resolveron coa división de Córsega (1135) e o reparto de influencias en Sardeña. Malia as guerras, o s XII foi o de maior esplendor de Pisa que tivo numerosas colonias mercantís en Oriente e en Occidente que aseguraban o seu comercio. Nunha nova guerra con Xénova (1282-1288), Pisa sufriu unha derrota en Meloria (1284) e pola paz de 1299 tivo que renunciar a Córsega e á rexión sarda de Logudor. Non puido impedir a conquista de Sardeña pola Coroa de Aragón (1323-1324) e coa perda, pouco e pouco, das súas posicións en Oriente deixou de ser unha gran potencia mediterránea. En 1399 Gherardo d’Appiano, señor da cidade, vendeulla ao duque de Milán Gian Galeazzo Visconti. O fillo natural deste, Gabriel Maria Visconti (1402-1405), vendeulla a Florencia e desde entón, permaneceu baixo o dominio florentino.