Plan Pidal

Plan Pidal

Plan de reforma educativa elaborado polo ministro de Gobernación P. J. Pidal en 1845. Ordenaba os estudos de bacharelato e universitarios segundo criterios moderados e liberais trazados polo duque de Rivas, afirmando ademais a uniformidade, a centralización, a secularización e o monopolio estatal no ensino universitario (os reitores pasaban a ser nomeados pola coroa). No segundo ensino distinguíase entre o ciclo elemental e o de ampliación e entre institutos de primeira, segunda e terceira clase. Os institutos de primeira clase creados nas cidades universitarias, como Santiago de Compsotela, estaban agregados á universidade ou facultades de filosofía. No terceiro ensino distinguíanse entre estudos nas facultades maiores (teoloxía, xurisprudencia, medicina, todas con sete anos, e farmacia con cinco, ademais dos estudos propedéuticos de filosofía), estudos superiores (só na Universidad Central) para ser doutor (en letras e en ciencias), e estudos especiais, orientacións que posteriormente recolleu a Lei Moyano (1857). Ademais produciuse un intenso movemento de desenvolvemento institucional: creación de institutos e de escolas de maxisterio, creación dalgunhas escolas de párvulos e de adultos, facultades de filosofía, recreación do conservatorio de artes (Real Instituto Industrial) e apertura das escolas industriais de ampliación (1850), escola normal de filosofía, escola de arquitectura, conservatorio de música e declamación e colexio de xordomudos.