Platón

Platón

Filósofo grego. De familia aristocrática por parte de nai, participou na Guerra do Peloponeso (409 a C) e despois quixo dedicarse á política, pero desencantárono os excesos dos oligarcas. Cunha esmerada educación artística e ximnástica, decantouse pola filosofía despois de coñecer a Sócrates en 408 a C. Á morte deste (399 a C), durante o período democrático, fuxiu de Atenas con outros condiscípulos e refuxiouse en Megara con Euclides. Neste tempo escribiu os seus primeiros diálogos. Na Magna Grecia entrou en contacto con Arquitas de Tarento e os círculos pitagóricos. Logo dirixiuse a Sicilia, onde Dión de Siracusa, cuñado de Dionisio I de Siracusa, se entusiasmou coas súas doutrinas e intentou, sen éxito, aplicalas á política. Entre estas dúas viaxes residiu en Atenas, onde fundou a Academia. Viviu os seus últimos anos dedicado á composición dos Diálogos e ao ensino na Academia. A súa obra transmitiuse tradicionalmente agrupada en nove tetraloxías que inclúen a Apoloxía ou Defensa de Sócrates, as Cartas e 34 Diálogos. Na súa filosofía pódense apreciar distintas etapas: a dunha primeira influencia socrática, a discusión cos sofistas, a da teoría das ideas, a da República, a da influencia de Parménides, que significa certa autocrítica da teoría das ideas, a dunha última preocupación cosmolóxica de orixe pitagórica, e a das dúas obras inacabadas: o Critias, que quería ser unha explicación da historia dun estado ideal, e as Leis. Para comprender ben a súa obra hai que ter presente que toda a teoría que contén foi elaborada para ser levada á práctica. Por outra banda tampouco foi un pensador illado, senón que recolleu as contribucións dos seus antecesores, pois coñecía as doutrinas de Anaxágoras, Demócrito, Empédocles, Sócrates, Parménides e os pitagóricos, e elaborou sobre elas a súa propia filosofía. Os valores que forman o areté, o comportamento xusto e recto, nunca aparecen no mundo sensible de maneira pura e perfecta; hai que supoñer que existen dunha forma especial nun mundo, o das ideas, que transcende o dos sentidos. A verdadeira existencia correspóndelles ás ideas, e as cousas só teñen consistencia na medida en que participan delas e da súa existencia transcendente. Non obstante, a influencia de Parménides fixo que Platón ampliase o ámbito do transcendente no sentido de que todos os seres participasen das ideas, e non soamente os valores. A unidade do ser de Parménides converteuse tamén nunha tese fundamental de Platón. O medio que establece a conexión entre o mundo das ideas e o sensible é a alma, entendida como principio e fonte de todo o movemento, e nas súas dúas dimensións, a cósmica e a humana, que só pode alcanzar a contemplación das ideas por medio dun esforzo filosófico. A parábola do mito da caverna é a expresión plástica da diferente condición que o filósofo, apto para a política, alcanzou en relación co home común. Por outro lado, a imaxe da alma humana, presa na tumba do corpo, expresa a situación en que se atopa primeira e connaturalmente o home, afastado do verdadeiro coñecemento e, polo tanto, incapaz de adoptar un comportamento recto necesario para alcanzar a purificación da alma.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Atenas