platonismo

platonismo

(

s m [FILOS]

Doutrina de Platón ou da súa escola e aspectos dela que influíron no pensamento doutros filósofos e escolas. A influencia da filosofía de Platón foi tan considerable que se pode dicir que o platonismo alzanza toda a historia do pensamento occidental e incluso unha parte do oriental, as tradicións bizantina e árabe. Por exemplo, apréciase a súa marca en Aristóteles e no estoicismo, é inseparable do neoplatonismo, co que se acaba confundindo, ten ascendencia na tradición filosófico-teolóxica latina dos ss IV e V e exerce un dominio case universal sobre a Idade Media, do que é típico expoñente a escola de Chartres. Por medio de santo Agostiño a influencia platónica artella, en competencia co aristotelismo, a gran tradición escolástica, e incluso chega a perdurar durante a Idade Moderna (escola platónica de Cambridge, Spinoza, Leibniz e Kant) e na filosofía dos dous últimos séculos (aspectos de Fichte, Schopenhauer, a escola de Marburg, a neoescolástica). Na súa difusión e transmisión pódense distinguir diversas tradicións, das que as catro principais son a latina (coa escola de Chartes, Boecio, J. Escoto Erigena, Robert Grosseteste, Alexandre de Hales e boa parte dos teólogos místicos medievais), a árabe (al-Kindī, al-Fārābī), a xudaica (Filón, Isaac Israelí, Avicebrón, Maimónides) e a bizantina, considerada como a continuación da Academia, despois da súa disolución en 529 por Xustiniano, e representada por Eneas de Gaza, Zacarías e Procopio, por Xoán Filipón e san Máximo o Confesor (ss VI-VII), e tamén por A. de Cesarea, Focio, M. Pselos ou, no s XV, por G. Plethon. O influxo deste último foi decisivo na creación da academia platónica de Florencia, no Renacemento, época en que cómpre salientar a figura de Nikolaus Krebs.