pneumática
(< pneumático)
-
s
f
[FÍS]
Parte da física que trata das propiedades do aire e dos outros gases desde o punto de vista do seu movemento.
Sinónimos: pneumatoloxía. -
s
f
[TECNOL]
Conxunto de técnicas baseadas na utilización de aire comprimido como fluído transmisor de esforzos, polo accionamento a distancia de diversos dispositivos funcionais, e moi valiosa na automatización industrial. As instalacións pneumáticas son simples, e adóitase empregar unha condución xeral (alimentada por un compresor), da que se derivan tomas de aire cara aos diferentes dispositivos. Os dispositivos pneumáticos máis empregados para a automatización son, entre outros, os cilindros e os motores, os distribuidores, as válvulas, os pratos revólver e os grupos condicionadores. Os cilindros pneumáticos consisten nun corpo tubular que aloxa un pistón solidario dunha barra, destinado a recibir a acción do aire comprimido e a moverse por efecto da forza resultante, empurrando ou estirando unha carga aplicada ao extremo da barra. Os motores pneumáticos empréganse na constitución de ferramentas e doutros dispositivos e adoitan ser do tipo de turbina ou de paletas. Os distribuidores ou válvulas direccionais permiten dirixir os cilindros e os motores pneumáticos. As válvulas pneumáticas poden pechar o paso do aire, impedir o retroceso deste, limitar a presión a un valor prefixado, regular a velocidade do aire, o caudal ou a presión. Os pratos revólver son discos rotativos segundo un eixe case sempre vertical, que xiran a intervalos angulares regulares. Os grupos condicionadores de aire comprimido están formados por un filtro separador das partículas que a miúdo ensucian o aire, un manorredutor e un engraxador para lubrificar o aire. OBS: Tamén se denomina pneumatoloxía.