Po
Po
Río de Italia que recolle as augas das vertentes do S dos Alpes e do N dos Apeninos (652 km de lonxitude). Nace en Piano del Re, ao pé do monte Viso, nos Alpes occidentais, e desemboca no Adriático, nun delta de cinco bocas. Diríxese ao N ata Turín e logo atravesa a chaira pasando por Casale, Piacenza, Cremona e Ferrara. O seu caudal faino un dos grandes ríos de Europa Occidental, tras o Rin e o Ródano. Debe a abundancia das súas augas esencialmente aos seus afluentes alpinos, sobre todo o Dora Baltea, o Ticino e o Adda. Os seus afluentes apeninos, en cambio, teñen un caudal moito menor e un réxime pluvionival de tipo mediterráneo. É moi irregular, como adoitan ser os ríos mediterráneos.