Poe, Edgar Allan
Poeta, narrador e crítico literario estadounidense. Fillo duns actores teatrais, ao quedar orfo foi acollido pola familia Allan, que lle proporcionou estudos en Inglaterra e na Universidade de Charlottesville, ata que tivo que abandonalos por débedas de xogo. A morte da súa muller, o alcol e o xogo, agravaron os problemas que viña arrastrando desde a súa infancia. Na súa obra, vinculada á novela gótica inglesa, sobre todo pola escenografía e o tratamento narrativo, fanse patentes os elementos fantásticos e de terror; os personaxes, que amosan a súa parte boa e mala, móvense nunha fronteira de difícil delimitación entre o real e o irreal. Iniciou a súa produción cos poemas recollidos en Tamerlane and Other Poems (1827), Al Aaraaf, Tamerlane and Minor Poems (1829) e Poems (1831). No apartado narrativo destaca o relato Manuscript Found in a Bottle (1833) e diversos contos en que mestura o relato fantástico e o detectivesco, e que lle deron moita fama, como The Fall of the House of Usher, The Murders in the Rue Morgue, Ligeia e Man of the Crowd, algúns deles recollidos en The Prose Romances of Edgar Poe (1843). Tamén exerceu como crítico literario nalgunhas publicacións que dirixiu e é autor da novela The Narrative of Arthur Gordon Pym (1838) e da obra cosmolóxica Eureka (1848). Aínda que acadou certo éxito en vida, sobre todo tras a publicación do seu poema “The Raven” na revista Mirror en 1845, foron os simbolistas franceses, especialmente Mallarmé e Baudelaire, os que lograron que fose apreciado como escritor.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Boston -
Deceso
Lugar : Baltimore