policial

policial

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente á policía.

  2. cine policial [IMAX]

    Tipo de cine que combina a acción e a intriga. Malia que as producións cinematográficas deste xénero comezaron a principios do s XX, o seu florecemento produciuse en EE UU a partir da década de 1930, en paralelo ao cine negro, e especialmente tras a estrea do filme The Lights of New York (1928), a introdución de ideas visuais procedentes do expresionismo alemán e a presenza de actores que se converteron en prototipos do xénero, como James Cagney ou Humphrey Bogart. Este primeiro ciclo pechouse co filme The Roaring Twenties (1939), de R. Walsh, e un novo comezou coa produción The Maltese Halcon (1941), de J. Huston, en que o detective privado se consolida como protagonista principal. A partir deste momento, realizadores como B. Wilder, S. Heisler, T. Garnett, O. Welles e A. Hitchcock levaron á gran pantalla destacadas producións cinematográficas. Bonnie and Clyde (1967), de A. Penn, The Godfather I (1972) e The Godfather II (1975) e, máis recentemente, The Silence of the Lambs (1990), de J. Demme, Reservoir Dogs (1992), de Q. Tarantino, e L. A. Confidential (1997), de H. Curtis, contribuíron a renovar e dar vixencia a este xénero cinematográfico.

  3. literatura policial [LIT]

    Subxénero literario baseado na investigación de actos criminais por parte das forzas policiais e, especialmente, pola acción de investigadores privados. Caracterízase pola intriga e o misterio que, levados ata o final, permiten manter a atención do lector. Co tempo acentuáronse os trazos de violencia e erotismo coa novela negra. Os comezos deste subxénero remóntanse a mediados do s XIX, con Edgar Allan Poe, e o seu máximo florecemento deuse na escola anglosaxoa con sir Arthur C. Doyle e G. K. Chesterton. Destacan tamén outros autores posteriores como A. Christie, E. Wallace, W. Irish, Ellery Queen (Frederic Donnay e Manfred Bennington), R. Stout e o belga G. Simenon. Na literatura hispanoamericana cómpre salientar a J. L. Borges e A. Bioy Casares, na española a M. Vázquez Montalbán e na literatura galega Carlos G. Reigosa pódese considerar o iniciador dun tipo de novela que continúan, entre outros, Carlos Jaureguizar, Xabier López, Aníbal Malvar e Xosé Manuel Villanueva.