polimerización
(
Cada unha das reaccións en que unha molécula monomérica se converte nun polímero. Existen dous tipos fundamentais de polimerización: por condensación e por adición. A polimerización por condensación, ou policondensación, ten lugar a través da interacción entre pares de grupos funcionais pertencentes a dúas moléculas diferentes con eliminación dunha molécula pequena, e o polímero formado contén grupos funcionais non presentes nas moléculas do monómero. A polimerización por adición ten lugar mediante a interacción de enlaces múltiples presentes nas moléculas do monómero, e o polímero resultante ten a mesma composición ca o monómero do que procede. Deste tipo son a polimerización vinílica, en que o monómero é un derivado do etileno, a polimerización diénica, en que o monómero é un derivado do 1,3-butadieno, e a polimerización a través de enlaces múltiples entre átomos de elementos distintos. Un terceiro tipo xeral de polimerización é a poliadición, con interacción entre grupos funcionais sen eliminación de ningunha molécula pequena. Desde un punto de vista mecánico, as polimerizacións poden ser por pasos ou en cadea. As polimerizacións por pasos seguen os esquemas habituais en química orgánica, mentres que as polimerizacións en cadea seguen os esquemas das reaccións en cadea. Nestas pódense distinguir tres etapas: a iniciación, en que se forma unha especie activa capaz de iniciar a polimerización; a propagación, en que se vai formando o polímero; e a terminación, en que ocorre unha desactivación que conduce ao polímero final estable. Para conseguir a iniciación, adiciónase ao monómero unha pequena cantidade dunha substancia, chamada iniciador, que é a fonte da especie activa. De acordo coa natureza desta, as polimerizacións en cadea clasifícanse en aniónicas, catiónicas e radicalarias. As aniónicas poden producirse mediante o uso de catalizadores de coordinación, especialmente os de tipo Ziegler-Natta, que conducen a polímeros estereoespecíficos. No referente ás técnicas que se empregan para a realización das polimerizacións, existen fundamentalmente catro: a polimerización sen disolvente, en que o sistema que se ten que polimerizar está inicialmente composto só polo monómero e o catalizador; a polimerización en solución, en que o monómero se disolve previamente nun disolvente; a polimerización en suspensión, en que o monómero está disperso, xeralmente en auga; e a polimerización en emulsión, en que o monómero forma unha suspensión estable en auga grazas á adición dunha certa cantidade dun xabón.