polímero -ra
(< gr πολυμερής ‘composto de varias partes’)
-
adx
[XEN]
Que presenta polimería.
-
s
m
[QUÍM]
Molécula de elevado peso molecular constituída por unidades estruturais idénticas repetidas e unidas entre si mediante enlaces covalentes. A molécula que constitúe a unidade estrutural básica do polímero coñécese como monómero, e o seu proceso de transformación en polímero recibe o nome de polimerización. Os polímeros poden clasificarse en orgánicos e inorgánicos, segundo conteñan ou non carbono na súa cadea principal. Os orgánicos poden ser naturais ou sintéticos. Dos primeiros destacan os polisacáridos, os polipéptidos e o poliisopreno. No referente aos sintéticos, de acordo coa súa aplicación, adoitan clasificarse en adhesivos, fibras, pinturas, plásticos e elastómeros. Respecto ao tipo de reacción que intervén na súa obtención, adoitan subdividirse en polímeros de adición e polímeros de condensación. De acordo coa forma da cadea principal poden ser lineais, ramificados ou entrecruzados, facendo referencia este último termo aos casos en que diferentes cadeas se unen entre elas constituíndo unha rede. Desde o punto de vista estereoquímico, a presenza de átomos de carbono asimétricos na estrutura da molécula polimérica fai posible diversas ordenacións configuracionais: son polímeros tácticos os que teñen unha ordenación regular, e atácticos os que a teñen aleatoria. Os polímeros tácticos poden clasificarse en isotácticos, cando todos os átomos de carbono teñen a mesma configuración, d ou l, e sindiotácticos, cando existe unha alternancia regular na cadea. Desde o punto de vista constitutivo, os polímeros que teñen un tipo único de monómero denomínanse homopolímeros, e os que conteñen dous ou máis tipos, copolímeros. Existen poucas propiedades de alcance xeral que os definan e caractericen. Polo xeral, presentan unha elevada viscosidade e resistencia á tensión, tanto en disolución como fundidos, e en moitos casos son elásticos e capaces de formar películas e fibras. Algunhas destas características, como a viscosidade e a resistencia á tensión, son consecuencia directa dos seus pesos moleculares elevados. Outras propiedades, como a elasticidade, só se presentan, nunha estrutura axeitada, cando o peso molecular é o suficientemente elevado. O estudo do peso molecular dos polímeros pode efectuarse por diversos métodos, dos que cómpre mencionar a determinación da presión osmótica das disolucións, o estudo dos datos de dispersión da luz e das medidas de viscosidade nos polímeros sintéticos, e o uso da ultracentrifugación nos polímeros naturais. Esta diferenciación de métodos débese ao feito de que, en xeral, os naturais son monodispersos (todas as súas moléculas teñen as mesmas dimensións), mentres que os sintéticos son polidispersos (constituídos por mesturas de moléculas de distinta lonxitude). Ademais do peso molecular, a natureza dos seus grupos funcionais e a súa distribución ao longo da cadea polimérica inflúen nas propiedades dos materiais poliméricos, principalmente nas mecánicas. Así, a ausencia de grupos polares na cadea e a presenza de cadeas laterais favorecen un comportamento elástico ou vítreo, xa que son intercambiables entre eles ao superar a temperatura de transición vítrea inherente a cada estrutura, mentres que a ausencia simultánea de grupos funcionais e cadeas laterais orixina cadeas regulares que poden adquirir estrutura cristalina. A introdución de grupos polares nas cadeas laterais ou na mesma cadea polimérica tamén favorece a capacidade de formación de fibras. Desde o punto de vista xeral, a natureza lineal ou ramificada das cadeas poliméricas tamén ten influencia no comportamento térmico dos polímeros e permite clasificalos como polímeros termoplásticos, que presentan estruturas lineais ou pouco ramificadas e poden ser fundidos e procesados en estado de fusión por moldeamento ou extrusión sen que se produza ningún cambio nas súas propiedades, e como polímeros termostables, xeralmente de estrutura entrecruzada e nos que a fusión é irreversible e vai acompañada por procesos químicos. No relativo aos polímeros inorgánicos, aínda que un gran número de substancias naturais (cuarzo, silicatos, polifosfatos, metaboratos) presentan estrutura polimérica, as súas propiedades son radicalmente diferentes ás dos polímeros orgánicos, principalmente a causa do excesivo entrecruzamento das súas estruturas, que orixina materiais moi resistentes pero fráxiles. Non obstante, algúns silicatos forman fibras flexibles e de boa calidade téxtil.