Polinesia Francesa
Territorio francés de Ultramar formado por un centenar de illas e illotes divididos nos arquipélagos de Sociedade (illas de Barlovento e Sotavento), Marquesas, Tuamotu, Gambier e Austrais (Tubuai e Rurutu), que ocupan a maior parte da Polinesia Meridional (4.000 km2; 219.521 h [1996]). A súa capital é Papeete, en Tahiti. De orixe volcánica ou coralina, o seu clima é tropical con variacións latitudinais. A poboación é polinesia (sobre todo maorís) con numerosos mestizos, chineses e franceses. O coco é o seu principal recurso, pero existen outros cultivos como algodón, cana de azucre e café. Exportan copra, vainilla (Sociedade) e nácara (Tuamotu e Sociedade). O Centre d’Expérimentation du Pacifique (CEP), de experiencias nucleares francesas, ten polígonos atómicos nos atois de Fangataufa e Mururoa. Foi anexionada a Francia a comezos da década de 1840. En 1958 a poboación afirmou a súa decisión de continuar a ser un territorio de ultramar francés.