pompeiano -na
(< topónimo Pompeia)
-
adx
Relativo ou pertencente a Pompeia ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Pompeia.
-
estilos pompeianos
[ARTE]
Sistemas decorativos propios da pintura mural romana desenvolvidos desde o período republicano ata o flavio. Obra de artesáns inmigrados ou itálicos de ámbito helenista, foron documentados sobre todo nas casas e vilas vesubianas. En 1882 foron clasificados en catro estilos. O estrutural (200? a C-90/80 a C) imitaba con cores vivas elementos e materiais de construción e revestimento (casa de Fauno). O arquitectónico (80/90 a C-finais do s I a C) que decoraba a parede con hábiles xogos ilusionistas de perspectivas arquitectónicas, figuras, obxectos e escenas mitolóxicas e paisaxísticas (vila dos Misterios). O ornamental (finais do s I a C-metade do s I d C) debilitaba os efectos ilusionistas das arquitecturas en perspectiva e acentuaba a ornamentación, a policromía e os detalles, cun gusto case miniaturista (casa de Lucrecio Fontone). E o fantástico (35-finais do s I) retomaba o ilusionismo perspectivo e empregaba unha técnica denominada ars compendiaria, de rápidas pinceladas e manchas suxestivas (casa dos Vetti).