Pompeo Magno, Cneo

Pompeo Magno, Cneo

Político e militar romano, fillo de Cneo Pompeo Estrabón e xenro de Caio Xulio César. Sila confioulle unha expedición contra os partidarios de Mario en Sicilia e África (82-80 a C), que lle valeu o título de Magno. Nomeado procónsul (77 a C), aniquilou os seguidores de Mario, que Sertorio reorganizara en Hispania. Ao seu regreso, rematou coa revolta de escravos liderada por Espártaco en Roma, compartindo a vitoria con Marco Licinio Craso Dives. Elixidos cónsules (71 a C), ambos os dous dedicáronse a abolir a lexislación de L. C. Sila. Substituíu a Lúculo na dirección da guerra contra Mitridates VI de Ponto, anexionou Siria e entrou vitorioso en Xerusalén (63 a C). A pesar de odiar a ditadura, o Senado temía a súa puxanza e o pobo non o apoiaba como antes. Obrigado a buscar aliados en Licinio Craso e César, tivo que pactar con eles un compromiso de asistencia mutua e de distribución de influencias, coñecido como primeiro triunvirato (60 a C). Contribuíu a que César obtivese o mando das lexións por cinco anos nas Galias. En 56 a C, cando o Senado temeroso do poder de César se inclinaba cara el, foi sancionado un novo compromiso en Luca que lle garantía a César a renovación da súa comandancia e lles aseguraba a Pompeo e Craso que, despois do seu consulado (55 a C), terían dúas comandancias quinquenais en Hispania e Siria, respectivamente. O equilibrio de forzas estaba aparentemente garantido, pero a morte de Craso (55 a C) puxo de relevo a superioridade de César. Estoupou unha guerra civil e Pompeio abandonou Italia co Senado; fuxiu á Iliria e a Macedonia, pero César derrotouno na Batalla de Farsalia. Refuxiado en Lesbos e despois en Exipto, foi asasinado polos emisarios de Ptolomeo XIV, que querían congraciarse co vencedor (48 a C).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Roma

  • Deceso

    Lugar : Exipto