Pondal Abente, Eduardo María González
Poeta. Coñecido como o ‘bardo de Bergantiños’, ocasionalmente asinou os seus escritos cos pseudónimos de Arístides Valtierra, Ezequiel e El Proscrito de Almendares. Está considerado, xunto a Rosalía de Castro e Curros Enríquez, como un dos grandes poetas do Rexurdimento en Galicia. Fillo de Xoán González Pondal e de Anxos Fernanda Abente Chans, pertenceu a unha familia de orixe fidalga que se enriquecera na emigración americana e que ocupou destacados postos na vida política e económica da comarca bergantiñá. Eduardo, o menor de sete irmáns, dedicou practicamente toda a súa vida á escritura, sen apenas reparar no seu mantemento, xa que os gastos corrían a cargo das rendas familiares. Formado nun ambiente aristocrático, de alto poder adquisitivo, iniciou os seus estudos de gramática latina e grega na reitoral de Vilela de Nemiña co párroco de Touriñán, Cristóbal de Lago, como era costume nos rapaces que querían iniciar carreira eclesiástica ou universitaria. Esta etapa formativa marcouno de forma importante, tal e como describen algúns dos seus versos publicados en O dolmen de Dombate. Durante eses anos estivo moi pendente dos acontementos históricos en España e que tiveron unha incidencia clara en Galicia, especialmente en relación con todo o movemento político e militar que desembocou co fusilamento en Carral do xeneral Miguel Solís, defensor dos ideais liberais e progresistas -que tanto interesaban a Pondal-, en oposición ao poder centralista e conservador do goberno de Madrid. Unha vez rematados os estudos primarios, cursou o bacharelato en filosofía en Santiago de Compostela (1848-1854) e, posteriormente, xa na universidade compostelá, realizou a carreira de Medicina (1854-1860). Nesa época integrouse, xunto a outros moitos mozos intelectuais, no Liceo de la Juventud, onde coñeceu algunhas persoas que coma el sentían interese polo mundo literario, e participou en diferentes parladoiros e encontros, como o coñecido Banquete de Conxo, que se celebrou o 2 de marzo de 1856, e que foi organizado por el mesmo na compaña de Luís Rodríguez Seoane e Aurelio Aguirre, a figura máis destacada no ambiente universitario da época. Neste banquete democrático, Pondal e outros estudantes progresistas confraternizaron cos obreiros e artesáns composteláns nunha xornada que pasou á historia e que celebraron co poema en castelán “Brindis”, escrito por Pondal e que lle ocasionou a apertura dun proceso na Audiencia da Coruña porque nel trataba a igualdade dos individuos que integran o pobo galego, cos seus dereitos e obrigas. Constitúe este un período de renacemento ideolóxico en Galicia, posto que aparecen unha serie de publicacións, como El Iris de Galicia e El Recreo Compostelano, xunto con diversas agrupacións, como a Academia Literaria ou o Liceo de la Juventud, que defenden os intereses do país. Pondal sente fondamente esta idea. Como consecuencia directa dese ambiente entusiasta xurdiron algunhas obras en galego escritas por Francisco Añón, Alberto Camino ou Marcial Valladares, entre outros; seguido polas achegas ideolóxicas de persoeiros tan coñecidos como Manuel Murguía, -a quen lle unía unha grande amizade con Pondal- e, posteriormente, as contribucións ‘vitais’ para o renacemento da lingua e literatura galegas de Rosalía de Castro e Curros Enríquez. Nestes primeiros anos de formación e estudo Pondal cultivou a través do castelán unha literatura de carácter romántico, moi de moda na época, onde se exaltaban os sentimentos de liberdade e as paixóns humanas. Xunto á súa formación académica e ao seu inicial interese polo romanticismo, tamén cómpre salientar o seu extraordinario gusto pola literatura clásica -nado na súa etapa na reitoral de Nemiña-, que lle levou a coñecer e investigar a obra dos máis destacados autores grecolatinos, que lía na súa lingua orixinal; por outra banda, estendeu o seu interese cara á obra de autores ingleses, franceses, italianos e portugueses, especialmente os renacentistas. En 1857, seguindo os parámetros literarios de Luis Vaz de Camões, apareceron os primeiros versos de Os Eoas; ao ano seguinte vía a luz a primeira versión de La Campana d’Anllóns, publicada na edición do 14 de marzo no xornal pontevedrés El País. Con respecto á súa actividade profesional, unha vez titulado, traballou como médico da Mariña no Hospital Militar de Ferrol, aínda que pronto comezou o seu desinterese pola carreira e polo oficio que escollera. Entre as dúbidas e insatisfaccións profesionais deses anos saíu dos obradoiros de Castor Míguez na Coruña a súa primeira obra en castelán, Fátima. Leyenda (1862). En 1863 viaxou a Madrid para realizar unhas oposicións ao corpo de Sanidade Militar; unha vez aprobadas, en breve se incorporaba á fábrica de armas de Trubia, en Asturias, onde exerceu como segundo axudante médico. Durante a súa estadía na capital madrileña estableceu contacto, a través de Manuel Murguía, cos irmáns Chao e Avendaño e con algúns autores románticos como G. A. Bécquer, Rodríguez Correa e Ruiz Aguilera. Foi nesta época cando comezou a cultivar máis intensamente a lingua galega; en concreto, tras os Xogos Florais organizados na Coruña o 2 de xullo de 1861, editouse un libro financiado por Pascual López Cortón en que aparecía, ademais dos traballos de moitos autores galegos, outra versión de A campana de Anllóns. Nela reflicte o seu amor pola terra, o mundo popular, a paisaxe e os costumes galegos, nunha particular homenaxe á lingua galega. Tamén foi este o momento en que principiou o seu poema épico A América descuberta. Por outra banda, non conforme coa súa actividade profesional como médico en Trubia, en 1864, ao pouco da súa incorporación, decidiu abandonar o exército e dedicarse plenamente á creación literaria. O coñecemento do libro Ossian, barde du IIIe siècle (1867) fixo que afondase aínda máis no seu convencemento sobre a influencia da mundo céltico nas terras galegas, e por extensión, na lingua que empregaba nos seus escritos. Foi a época en que traballou nos seus “cantos célticos”, que nunca viron a luz como tal, pero que segundo a crítica ben poden corresponder con algúns dos aparecidos en Rumores de los pinos. Co tempo, alternou as súas estadías na casa patrucial de Ponteceso e Santiago de Compostela, cada vez máis breves, con longos períodos na Coruña, cidade en que, a partir de 1885, estableceu practicamente a súa residencia definitiva. Durante as súas estadías na capital de Galicia desenvolveu unha interesante actividade pública ao redor do Casino e das súas veladas literarias, e mesmo participou como xurado en diversos premios literarios. Foi nestes anos que apareceu unha parte importante da súa produción literaria, en concreto A fada dos montes (1872), Rumores de los pinos (1877) e Grandeiras (1884), nunha liña poética que proporcionaba á súa obra un importante eco na intelectualidade galega da época, especialmente polo seu carácter nacional e reivindicativo. Na Coruña, cidade en que escribiu gran parte da súa produción literaria, participou no parladoiro literario rexionalista da Cova Céltica, organizado por Manuel Murguía na Librería Regional, propiedade de Uxío Carré Aldao. Neste lugar comezou a ser chamado o ‘bardo’ ou ‘poeta da patria’. Este parladoiro foi básico para o desenvolvemento intelectual e literario de Pondal, non só pola calidade humana e cultural dos seus compoñentes -entre os que figuraban, ademais do libreiro e do historiador, A. Martínez Salazar, Francisco Tettamancy, Salvador Golpe, Galo Salinas, M. Lugrís Freire, Martelo Paumán e tantos outros-, senón polos temas que alí se trataban. De feito, a través das palabras dos seus participantes insistíase en sinalar a identidade propia de Galicia en base á súa orixe celta e os seus puntos de encontro coa Bretaña francesa e con Irlanda, tal e como defendían algúns historiadores como o propio Murguía, Leandro de Saralegui, Vera e Aguiar ou Bieito Vicetto. Dese carácter singular xurdiu o interese de Pondal por afondar no emprego da lingua galega, non só en base a unha estética e temática costumista e romántica, senón alimentando unha linguaxe máis culta con novas formas expresivas que localizou no simbolismo. É esta unha época de nacemento e florecemento do simbolismo francés, desde Baudelaire, autor de Les fleurs du mal (1857), ata Verlaine ou Rimbaud. Volveu á súa terra natal e despois dunha breve estadía en Ponteceso, en 1888 decidiu marchar a Carballo, onde estivo algo máis dun ano. Durante esta etapa entrou en contacto coa música da man do compositor Pascual Veiga, quen lle solicitou unha letra para unha composición musical que representase “a expresión fiel do espírito desta rexión, con obxecto de que [...] sexa cantado en toda Galicia co entusiasmo que esperta no ánimo o sentimento da patria”. Malia que a adaptación dos versos de Pondal á música de Veiga se realizou nesa altura, a difusión real e a presentación en sociedade do himno non tivo lugar ata o 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro do Centro Galego de La Habana, no transcurso dunha homenaxe a Pascual Veiga organizada por Xosé Fontenla Leal. En 1892 Pondal abandonou Carballo e alternou a súa estancia entre as vilas de Laxe e Ponteceso, ata que en 1894 decidiu quedarse de forma definitiva na Coruña. Nesta cidade frecuentou os círculos máis coñecidos da época, como a Sociedad Cooperativa Militar y Civil e a Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesanos. Cara a finais de século apareceron no pensamento pondaliano dous trazos case inéditos: o seu españolismo, manifestado no seu apoio ao exército español en Cuba, especialmente tras os acontecementos que desembocaron na Guerra de 1898; e un certo cristianismo, que coincide coa morte de persoas próximas a el, entre elas o seu irmán Cesáreo. É tamén un feito notorio que durante a última etapa da vida sufriu constantes ataques depresivos e amosou síntomas de neurose obsesiva, ademais dun carácter misántropo e hipocondríaco, que derivará nunha crise (1903) e que rematou en loucura. Sobre a súa misoxinia crese que, aínda que tivo relacións con diferentes mulleres, decidiu non formalizar ningunha para non saír da casa patrucial e, dese xeito, vivir das rendas familiares. Con relación á súa obra, malia que é significativo o interese por parte dos seus coñecidos por publicar a edición definitiva de Os Eoas nesa altura da vida, as continuas correccións ás que sometía o texto e a enfermidade que avanzaba dentro del, impediron que a devandita e definitiva edición saíra á luz pública. En 1895 editou Uxío Carré O dolmen de Dombate e unha nova versión de La Campana d’Anllons, que en opinión dalgúns críticos empeorou outras edicións primeiras. Colaborador de diversas publicacións periódicas, tanto en España como en América, como Eco de Galicia, Galicia Diplomática, Galicia Emigrante, La Ilustración Gallega y Asturiana e Revista Gallega, o relativo éxito das composicións pondalianas estendeuse máis aló das fronteiras de Galicia, non só polo resto de España, senón por Portugal e Francia; neste último país Emilia Pardo Bazán escribiu un artigo titulado “Poètes Galiciens. Le Barde Eduardo Pondal” para a revista Les Matinées Espagnoles. A este artigo favorable cómpre engadir as críticas positivas que recibiu dalgúns autores contemporáneos como Emiliano Balás, Joaquín Arias, Victorino Abente ou Antonio Zapata, aínda que tampouco lle faltaron detractores. Entre 1905 e 1908, consciente xa da súa débil situación mental, volveu novamente a Ponteceso. Viviu de forma intensa dous importantes acontecementos, por unha banda a conformación da Academia Galega, á que pertencía como socio numerario, pero onde non chegou a participar, e pola outra, a morte de Curros Enríquez (1908), a quen lle dedicou algunha composición nas publicacións da época malia os seus iniciais receos cara ao autor celanovés. A finais de 1908 decidiu volver á Coruña, onde recibiu a nova do seu nomeamento como académico honorario (1910) da Academia de Poesía Española de Madrid. Neses últimos anos de deterioro físico, a cegueira non fixo senón incrementar os seus serios problemas, que se uniu á ‘falsa persecución’ á que estaba sometido e ás ‘irreais’ traizóns dos seus amigos. No mediodía do 8 de marzo de 1917 morría, tal e como reflicte a prensa local da época, sobre todo os xornais El Noroeste e La Voz de Galicia, que tamén ofreceron abondosos datos sobre o seu soterramento, ao que acudiron diversos políticos, como o propio alcalde da Coruña, e intelectuais, moitos deles pertencentes á Academia Galega e a outras institucións relevantes da cidade. No que se refire ao apartado literario, cómpre salientar a influencia da poesía clásica, especialmente a grega arcaica, cunha especial predilección por Homero, ao que se suman Anacreonte, Platón, Plutarco, Tucídides e Xenofonte. No caso da poesía latina e aínda que tiña mala predisposición cara a ela polo carácter imperial de Roma, admirou a obra dalgúns autores como Horacio e Virxilio, sobre todo polo bucolismo deste último. O gusto polo mundo clásico levou a Pondal a profundar tamén no estudo dos autores do Renacemento, tal é o caso de Dante, Ariosto, Tasso e, moi especialmente, Luis de Camões. O seu interese pola literatura portuguesa e a cultura do país veciño fíxose evidente, non só a través das manifestacións do autor, senón polo ‘utilización’ da obra de Camões para escribir o seu poema épico Os Eoas. Por outra banda, cómpre non esquecer a importancia da Biblia, en concreto o Cantar dos Cantares, xa que moitos dos personaxes foron extraídos destas lecturas para as súas composicións; e, dun xeito especial, a influencia do mundo celta que se ve representada, entre outras, pola lenda gaélica do Leabhar Gabhala. Neste último caso, cómpre salientar o seu interese polo bardo Ossián, froito da imaxinativa mente de Macpherson; ou mesmo a súa devoción por outros autores ligados en diferente medida ao romanticismo, como lord Byron, H. Heine, Leopardi e Vigny, unha das figuras claves do parnasianismo como Leconte de Lisle, e mesmo clásicos da categoría de J. Milton e W. Shakespeare. Son característicos da súa obra -situada no período de transición do romanticismo ao realismo-, algúns personaxes como o bardo, o guerreiro, o pastor ou as fadas, que se moven nun mar de símbolos constituídos polo vento, as aves, a música, a luz, a terra, os castros, as árbores, a harpa e os bosques. De feito, unha das conclusións ás que chega o lector é que na obra pondaliana se produce unha identificación entre os heroes celtas e algúns elementos da paisaxe bergantiñá. Desta etapa xurdiu o autor como modelo de poeta simbolista que bebe das fontes de numerosas influencias cultas xa referidas, como o celtismo e a literatura grecolatina. Faise evidente tamén o seu interese por ceder a voz á natureza, onde o poeta non é máis ca un tradutor entre dous mundos, o interior do bardo e o exterior da natureza, e onde a paisaxe se constitúe nun ente en que aparecen depositados os sentimentos. Neste sentido, ao longo dos seus versos aparece unha polifonía real de voces e sons, en que o poeta atopa a súa propia voz no eco da natureza. Dalgunha maneira, Pondal, coa súa obra, elabora a biografía dunha estirpe, dunha raza e dunha tradición que se transmite ao longo dos tempos. Lingüisticamente, as innovacións que ofreceu Pondal na súa literatura poden resumirse nun intento por conseguir calidade na lingua en que escribe, con coherencia e con poucos trazos da variante dialectal que el coñecía, e que redundan no seu interese por dignificar a lingua galega en todo aquilo que fora posible. Estilisticamente, emprega os recursos da perífrase, o hipérbato, o xogo con adxectivos, a subordinación e as continuas referencias mitolóxicas, cunha gran cantidade de cultismos léxicos e sintácticos, dun xeito semellante ao que acontece noutras linguas europeas na época do Renacemento, para enriquecer aínda máis o contido das súas composicións. No apartado métrico e compositivo, empregou tipos de estrofa que tamén se poden considerar clásicos, como as oitavas, os serventesios, as quintillas e as estancias. En canto á orientación do seu traballo, a obra pondaliana pode dividirse en dúas etapas; por unha banda, a relacionada co segundo provincialismo, en que se pode considerar como un poeta romántico -próximo a lord Byron-, moderado en canto á forma clasicista das súas composicións; e pola outra, unha etapa marcada polo rexionalismo, en que Pondal aparece como identificador das orixes celtas dun país, Galicia, que buscaba o sentido da súa existencia nas raíces máis antergas. Na primeira das etapas (1854-1868) destacan unha primeira redacción de Os Eoas (segundo M. Murguía titulado inicialmente Colón), sen rematar, e que pasou de ser unha obra de carácter individual para converterse nunha historia colectiva; e o poema “El canto de un brigante. A campana de Anllóns”, que apareceu no xornal El País o 14 de febreiro de 1858. Na segunda etapa destacan Rumores de los pinos (1877), practicamente a súa última publicación en castelán, en que introduciu 21 poemas nas dúas linguas e que na súa versión en galego, aumentada e mellorada, titulou Queixumes dos pinos (1886); xunto a algúns poemas soltos que non incluíu na versión definitiva de Queixumes; A Campana d’Anllóns (1895), composta de 81 estrofas; e novas edicións de Os Eoas, xa cun ton marcadamente rexionalista, probablemente por influencia de novas lecturas e dos parladoiros da Cova Céltica. Algúns dos seus poemas tamén foron traducidos e incluídos nos libros Spanish Galicia (1922), elaborado por Aubrey F. G. Bell; e Gallegan Provinces of Spain, Pontevedra and La Coruña, de Ruth M. Anderson.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ponteceso -
Deceso
Lugar : A Coruña